Os baixos salarios e as longas xornadas deixan a hostalaría falta de camareiros

Algúns locais ameazan con non abrir as súas portas ante as dificultades para atopar persoal para atención ao público e cociña.
Varias persoas nun local de hostalaría de Compostela, onde o turismo fai que aumente nestes meses a necesidade de persoal (Foto: Arxina).
photo_camera Varias persoas nun local de hostalaría de Compostela, onde o turismo fai que aumente nestes meses a necesidade de persoal. (Foto: Arxina)

O presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, alertaba estes días das dificultades que estaban a atopar as empresas do sector para contratar persoal, o que provocaba, nalgúns dos casos, que os estabelecementos mesmo non puidesen abrir as súas portas. O propio Real recoñecía que é un problema que "xa vén de vello" e que o sector trata de arranxar con iniciativas que permitan conciliar a vida laboral, a familiar e o lecer. 

Porén, como relatan a Nós Diario varias persoas que traballan na hostalaría, a realidade dista do que marca o papel. Manuel Fernández, que leva perto dunha década como camareiro (na Coruña, Culleredo e Tenerife), afirma que "case nunca se respectan as 12 horas de descanso entre quendas", xa que é normal facer sempre "unha ou dúas horas de máis".

Este camareiro ten un contrato de 40 horas que, en moitos dos casos, xa cumpre a golpe de quinta feira, "e non podo dicir que até pasado o domingo non aparezo". Esas horas que fai de máis non se lle retribúen, pero di que prefire "malo coñecido que bo por coñecer". 

O reto de conciliar

As horas extras non remuneradas son unha das barreiras de entrada a este negocio. Outra é a conciliación. Antía (nome ficticio), traballou para unha coñecida cadea de comida rápida en Vigo, onde esas horas si se remuneraban, o problema era todas as que se facían de máis. 

Pese a ter un contrato temporal de 20 horas semanais, asegura ter feito xornadas de máis de oito horas para cobrar a final do mes menos de 700 euros. "As horas só se cumpriron a primeira semana e ás veces avisábanche dúas horas antes para entrar cunha hora de antelación sobre o horario marcado", critica.

En 24 anos como cociñeiro, Xurxo, que tamén prefire manter o anonimato empregando con nome ficticio, afirma que as persoas que traballan a xornada partida "é imposíbel que respecten as 12 horas de descanso", igual que  confesa que non coñece ninguén "que faga os 45 días de libranza", nos que se inclúen vacacións e festivos. 

Seguir co que marca a lei é rara avis no sector. De feito, na súa extensa vida laboral só estivo "nunha empresa que cumprise 100% a lei", apunta Xurxo, que incide tamén noutra realidade, a dos soldos en B, que causou moitos problemas durante a pandemia á hora de cobrar os ERTE. "Eu levaba só 50% do meu salario", relata. 

Falta de motivacións

Todas estas persoas coñecen compañeiros e compañeiras que nos últimos anos deron o salto a sectores como o comercio, o sector público ou a industria.

Neste senso, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, lamenta que na Galiza "xa non exista como tal unha profesión que antes era digna", o que leva á xente a tirar cara a outros sectores, "porque ven que a hostalaría non lles dá ningún beneficio económico nin tampouco á hora de conciliar", ou a marchar a outros territorios onde están mellor remuneradas.

Na mesma liña, Suso Mosquera, de UXT-Servizos, cre que "é difícil encontrar xente se non hai unha motivación profesional suficiente por salario e unhas boas condicións de traballo, e tamén a posibilidade de conciliar".

Comentarios