Delegadas e delegados da CIG denuncian o empobrecemento da clase traballadora

Desde o sindicato nacionalista critican o 'apartheid' da Xunta ao excluílo do diálogo social
Manifestación da CIG contra a pobreza (Foto: CIG).
photo_camera Manifestación da CIG contra a pobreza (Foto: CIG).

Delegadas e delegados da CIG protagonizaron esta cuarta feira en Compostela unha manifestación polas rúas da cidade para denunciar o empobrecemento da clase traballadora polas políticas da Xunta da Galiza e o Estado español ante a carestía da vida.

A mobilización, posterior á Asemblea Nacional, estivo encabezada polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que exixiu os gobernos de Pedro Sánchez e Alfonso Rueda políticas públicas e salarios dignos ante a imparábel escalada de prezos.

Ademais de criticar as "insuficientes medidas" do chamado Plan de Resposta á Guerra e o  paquete de reformas aprobadas para satisfacer as "inxustas e duras" exixencias da Unión Europea para poder acceder aos fondos europeos, Carril tamén cargou contra a continuidade das "peores políticas para a Galiza"─co nomeamento de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta─ que van, engadiu, "contra o país e contra o pobo galego". 

"Unha Galiza de emigración, avellentamento da poboación, privatización dos servizos sociais e dos servizos públicos, sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando, obxecto dos intereses dos fondos de investimento e do capital que ven a oportunidade que lles dá un PP entregado á eucaliptización do noso país e a consolidación dun novo espolio dos nosos recursos enerxéticos, como vemos coa actual ofensiva eólica", resumiu.

Paulo Carril intervén na Asemblea Nacional da CIG Compostela (Foto: CIG).
Paulo Carril intervén na Asemblea Nacional da CIG Compostela (Foto: CIG).

Ante isto, o líder sindical chamou a reclamar dos gobernos un plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos que tería como obxectivos, reducir a factura eléctrica, garantir o poder adquisitivo das pensións e dos salarios, rematar coa fenda salarial de xénero, defender a industria, os sectores produtivos, o emprego, abaratar o transporte público ou conxelar os alugueiros, entre outras cuestións.

'Apartheid' da Xunta

O acto da CIG decorreu o día seguinte á reunión que Alfonso Rueda mantivo esta terza feira  cos sindicatos CCOO e UXT e á que non convidou a CIG, pese a ser o principal sindicato da Galiza, o que Carril considera un "apartheid" contra o que, avisa, tomará "as medidas oportunas".

Neste sentido, lamentou que Rueda, "só se queira reunir, igual que facía Feixoo, con aqueles sindicatos que lle fan a onda" e que provocan que "o desprezo" e "o sectarismo" cara a principal forza sindical da Galiza, sigan prevalecendo no novo Executivo galego de Rueda.

Comentarios