A desigualdade social medra na Galiza: o salario dos traballadores galegos está 8,5% por baixo da media do Estado español

As rendas do traballo seguen cedendo posicións fronte ás do capital. Segundo sinala o Instituto Galego de Estatística nun recente relatorio, a finais do último ano representaban exactamente dous puntos e medio menos que en 2009, ano da chegada do PP á Xunta. A caída é tamén importante en relación co pasado exercicio.

A pandemia ten disparado as desigualdades na Galiza. (Foto: Nós Diario) #desigualdadesocial #desigualdade #pandemia #salarios #pobreza
photo_camera As desigualdades non deixan de medrar na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O retroceso das rendas do traballo fronte ás do capital é unha constante na Galiza desde que Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta. Un recente informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) sinala que en 2021 as rendas do traballo representaron 45,5% do Produto Interior Bruto (PIB), mentres que en 2009 sumaban 48% do PIB. Neste sentido, os datos ofrecidos pola Xunta da Galiza certifican a perda de poder adquisitivo dos asalariados galegos, quen rexistran unha das peores distribucións das rendas do espazo estatal e europeo.

Aumenta a pobreza

As cifras de 2021 volven ser peores que as da pasada anualidade. Así, en 2020 as rendas do traballo marcaron 46,4%, practicamente un punto máis que as deste exercicio, evidenciando o incremento da desigualdade no país, advertida por anteriores estudos do Instituto Galego de  Estatística. A este respecto, os profesores Raquel Sebastián, Gabriel Rodríguez  e Juan Cesar Palomino significan que desde o comezo da pandemia o índice de Gini (medida da desigualdade onde 100 é máximo) ten medrado en 2,9 puntos, pasando de 39,5 a 42,4.

A Galiza rexistra nesta variábel unhas cifras peores que o Estado español e que a Unión Europea. Sen ir máis lonxe, en 2021 as rendas do traballo significan na media estatal 47,5% do PIB, exactamente dous puntos por riba da porcentaxe galega, malia  partillar unha mesma lexislación laboral e contar cunha poboación máis envellecida, onde o impacto da desvalorización interna é inferior. As diverxencias son maiores cos Estados da Unión Europea, onde as achegas do factor traballo á conformación do PIB sitúase en 47,8%.

A chave da relación entre capital e traballo

A relación entre as rendas do capital e do traballo é un dos principais indicadores para medir as desigualdades sociais. A este respecto, Tomas Pikkety no seu volume O capital século XXI escribe que “o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda do mercado (antes de impostos e gasto público) que se observa na maioría dos países nas últimas décadas, o que formula enormes retos no terreo da cohesión social”.

A restauración neoliberal

A economista Carmen Vizán explica esta tendencia xeneralizada nas economías dos centros capitalistas como parte da lóxica iniciada coa restauración neoliberal de comezos da década dos 80. Neste sentido, considera que as causas desta situación derívanse entre outros factores  dos “procesos de privatización da actividades produtivas desenvolvidas no sector público e da desregulación dos mercados”, da “crecente liberalización internacional dos mercados de produtos, de traballo e de capital”, da “intensificación dos procesos de concentración empresarial” e da “tendencia á financeirización da economía”.

A xestión dos poderes públicos

A xestión dos poderes públicos vén agudizar este proceso. A este respecto, Ignacio Álvarez Peralta destaca que “o recurso á desvalorización interna por parte dos Gobernos europeos como instrumento para facer fronte á crise vai provocar unha redución sen precedentes dos salarios”. Ao tempo, apunta que “a sucesións de reformas laborais inspiradas na doutrina neoliberal supón a existencia dunha relación negativa entre salarios e emprego, que se concreta nunha redución do peso dos salarios na renda nacional e por conseguinte nun aumento da pobreza e da desigualdade”.

A fenda salarial entre Galiza e o Estado mantense inalterábel. Así, o IGE sinala que en 2021, a remuneración salarial por hora traballada na Galiza sitúase en 19,5 euros, mentres no conxunto estatal acada 21,3 euros e na media da Unión Europea 25,1 euros. Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios na última década é de 3,8 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores, que só se mantivo co recurso ao endebedamento.

Galiza diverxe

Os salarios galegos non deixan de diverxer co media estatal e europea desde 2010. Sen ir máis lonxe, en 2009 a diferenza na remuneración de hora asalariada da Galiza con respecto á Unión Europea era de 9%, rexistrando en 2021 unha distancia de 12,6%. Na mesma liña, as retribucións dos asalariados galegos sitúanse no último exercicio por baixo de 2019, tras unha caída de 5,6% en 2020. 

As rendas do capital

O economista serbio Branko Milanovic sinala que “a distribución entre as rendas do traballo e do capital adoita ser un primeiro indicador para analizar a posíbel creación de desigualdades sociais. As rendas do capital están máis concentradas na poboación que as do traballo”.

Comentarios