A precariedade cébase coas persoas traballadoras: xornadas laborais elevadas e 358.789 salarios inferiores ao SMI

A precariedade laboral manda na Galiza. Tanto á así, que se ten convertido no primeiro problema para a maioría da poboación, como consecuencia dos baixos salarios, a temporalidade, parcialidade e algunhas das xornadas laborais máis elevadas do Estado.

ManiFolgaLimpeza_Lugo_06
photo_camera Persoal da limpeza mobilizándose polas rúas de Lugo en defensa dun novo convenio. (Foto: Nós Diario).

As condicións laborais e salariais téñense convertido nun dos problemas centrais para a poboación galega. Así, por exemplo, o barómetro preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre as eleccións galegas publicado o pasado 21 de xaneiro sinalaba que 26,3% das persoas residentes na Galiza situaban como primeira preocupación aquelas de índole económico.

 A situación do mercado de traballo preocupa cada día a unha porcentaxe maior da poboación galega. Así, o desemprego é o primeiro problema para o 13,2% das galegas e dos galegos, “a crise económica e os problemas de índole económica” para o 10,3% e “os problemas relacionados coa calidade do emprego” para o 4,3%. A cifra chega ao 8,4% tomando como referencia a poboación activa, composta polas persoas en idade laboral que traballan nun emprego remunerado (poboación ocupada) ou buscan emprego.

Os datos enténdense mellor con outros ofrecidos polo propio CIS: o 30% da poboación considera a súa situación igual á de 2020, mais o 29,3% cualifícaa de peor. A consideración agrávase na poboación activa, alcanzando as súas cifras máis elevadas entre os ocupados na agricultura, no mar e no sector servizos.

A conflitividade laboral que se vive Galiza é unha boa mostra disto. As traballadoras e traballadores da limpeza da provincia de Lugo levan 115 días de folga en demanda dun convenio que as grandes contratistas do sector, especialmente empresas con sede en Madrid, se negan a negociar malia ter rematado a súa vixencia en 2022. Neste sentido, a delegada sindical da CIG Asunción Castiñeira sinala a Nós Diario que “as patronais estatais poñen moitos problemas a calquera tipo de incremento”.

Temporalidade na limpeza

O sector da limpeza ocupa máis de 1.800 persoas na provincia de Lugo. Segundo Castiñeira, “a categoría máis habitual no convenio é a de limpadora”, para a cal "o convenio fixa un salario de 13.594 euros ao ano, que veñen ser sobre 850 euros ao mes para unha xornada de 39 horas semanais”. Ao tempo, destaca que “no sector hai moita parcialidade, polo que unha limpadora de banca para completar unha xornada debe facer catro ou cinco sucursais e unha limpadora de portais arredor de 10”.

Castiñeira recoñece que “con estes salarios non se chega a fin de mes e, de feito, se non hai apoio familiar, é imposíbel chegar a fin de mes”. "A calquera de nós resúltanos moi difícil chegar a fin de mes, máis que en tempos atrás", salienta, “non lembro unha situación tan complicada. Os salarios non subiron e a carestía da vida non hai por onde collela”, insiste.

40 horas de xornada

A situación é semellante para o persoal da sanidade privada da provincia da Coruña. Segundo explica a Nós Diario a presidenta do comité de empresa do hospital Quirón da Coruña, Laura Méndez, “hai moita xente que non chega a fin de mes, sendo a antigüidade o único que dignifica o salario”. Nesta liña, pon de manifesto que “nunca tivemos uns salarios axeitados ao custo da vida pero a día de hoxe resulta moi difícil alcanzar o fin de mes pola alza da inflación nos últimos anos”.

Méndez asegura que “hai moitas categorías profesionais que están por baixo do Salario Mínimo Profesional (SMI), como as limpadoras, os pinches ou os técnicos de coidados auxiliares de enfermaría”. Sinala que “unha limpadora sen antigüidade percibe arredor de 872 euros ao mes e con 20 anos de antigüidade sobre 1.000 euros ao mes”. Ao tempo, destaca que “o salario dunha TCAE está en perto de 960 euros ao mes”.

Por outra parte, as traballadoras e traballadores da sanidade privada da Coruña teñen a xornada laboral máis elevada do Estado español. "A nosa xornada anual é de 1.804 horas, 40 horas á semana, a maior de todo o Estado español, e traballamos unha boa parte das fins de semana e dos festivos, neste caso por unha cantidade de 15 euros", advirte Laura Méndez.

A problemática do persoal da sanidade privada da Coruña, con máis de catro meses de folgas e mobilizacións en defensa dun convenio, ou da limpeza en Lugo é análoga a doutros colectivos de traballadoras e traballadores cuxas remuneracións está por baixo do propio mínimo legal fixado polo Estado. Ademais, a parcialidade e a temporalidade habitual no mercado laboral galego.

O SMI non chega

As cifras achegadas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para 2022, os últimos publicados, sinalan que 358.789 persoas reciben na Galiza un salario por baixo do SMI. Atópase nesta casuística o 33,6% das asalariadas e asalariados galegos, que nos últimos anos asisten a unha caída constante e continuada do seu poder adquisitivo.

A remuneración das persoas asalariadas é unha compoñente do Produto Interior Bruto (PIB) cando se analiza pola vía das rendas, que indica que parte do valor engadido bruto xerado por unha economía vai destinada a remunerar o factor traballo. Neste sentido, o Instituto Galego de Estatística (IGE) sinala para o primeiro trimestre de 2023, último período con datos, que as rendas do traballo supuxeron o 42,7% do PIB e as rendas do capital o 48,6%.

A caída das rendas do traballo

A caída das rendas do traballo é un bo termómetro da perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas. Neste sentido, as rendas do capital incrementáronse en 4,2 puntos entre o primeiro trimestre de 2021 e 2023, mentres as do traballo caeron en 3,8 puntos, situándose por baixo da media estatal e europea. Precisamente, esta é unha das principais variábeis para medir as desigualdades sociais.


O papel da Xunta da Galiza nos conflitos laborais

A posición da Xunta da Galiza en conflitos como o da limpeza ou o da sanidade privado, así como noutros análogos, incomoda a representación das traballadoras e traballadores. Asunción Castiñeira, traballadora da limpeza, e Laura Méndez, traballadora sanitaria, urxen o Goberno galego a adoptar unha posición máis activa para atopar unha solución ás problemáticas laborais. Amósanse convencidas de que a Xunta da Galiza ten instrumentos para contribuír á resolución do problema.

Castiñeira culpa o Executivo galego de “ser cómplice das patronais estatais” e demanda das Administracións públicas que “cando liciten un servizo estabelezan cláusulas sociais para que os traballadores e as traballadoras non se atopen na situación na que están agora”.

Méndez, pola súa parte, considera que "a Consellaría da Sanidade é responsábel do que acontece, xa que máis da metade da facturación dos hospitais privados procede dos diversos concertos co Sergas, que permite que nos movamos nestas condicións laborais".

Comentarios