As traballadoras da limpeza rebélanse contra a precariedade: "Non chego a fin de mes"

Traballadoras e traballadores da limpeza na Galiza protagonizou onte unha xornada reivindicativa coa intención de mostrar a súa intención de non ceder ante a patronal e procurar melloras salariais. As principais cidades galegas acolleron asembleas e varias mobilizacións de protesta. En Lugo, as traballadoras levan máis de 80 días de folga indefinida e continuaron esta cuarta feira coa demanda dun novo convenio.
Mobilización en Vigo das traballadoras da limpeza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización en Vigo das traballadoras da limpeza. (Foto: Nós Diario).

A conflitividade no sector da limpeza chegou esta cuarta feira ao seu punto máis álxido coa convocatoria por parte da CIG de paros 24 horas, mobilizacións e a continuidade da folga indefinida que ten lugar en Lugo. Segundo a central sindical, a participación durante a xornada foi importante, aínda que algo menos alta no sector público polos "elevados servizos mínimos que se situaron entre 75% e 100% da obriga de incorporarse ao posto de traballo", segundo explica a Nós Diario a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández. Nas manifestacións, ademais, estiveron presentes diferentes representantes e edís do BNG en apoio das demandas das traballadoras e dos traballadores. 

Neste sector, na Galiza, o persoal máis afectado pola situación é o relacionado coa limpeza de edificios e locais que levan desde 2021 co convenio vencido. Por este motivo, reclaman uns novos a nivel provincial "que sexan dignos" ante a patronal estatal, a Asociación Profesional de Empresas de Limpeza (Aspel). Entre as demandas está a actualización salarial, na actualidade cos soldos conxelados. No caso de Lugo e Ourense, os salarios, segundo a central nacionalista, non chegan ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e en Pontevedra só ofrecen unha suba de soldos de 2,66% por debaixo do Índice de Prezos de Consumo (IPC) real de 2023. 

Sen revisión salarial polo momento

Na primiera mediación coa patronal do sector, mantida o pasado 28 de decembro de 2023, a proposta que realizou a parte empresarial incidía, segundo a representante da CIG na mesa, Asunción Castiñeira, “na precariedade laboral e na pobreza salarial”. A oferta económica coincidía coas realizadas anteriormente e os incrementos dos anos 2022, 2023, 2025 e 2026 irían todos ao plus convenio mentres que a suba de 2024 iría toda a táboas. “Continúan negándose a incluír ningún tipo de cláusula de revisión e na antigüidade manteñen a proposta que xa había, coa novidade de que se garante que a 1 de xaneiro de 2027 se volvería percibir segundo o cálculo actual”, apunta Castiñeira. 

Non só teñen enriba da mesa de negociación demandas salarais, tamén buscan eliminar a precariedade. Transi Fernández  indica que en moitas empresas  de limpeza “teñen dificultades para cubrir vacantes” e acostuman "a abusar dos tempos parciais e das horas extraordinarias que en realidade son complementarias". 

En Lugo as traballadoras da limpeza continúan coa folga indefinida que iniciaron o pasado 16 de xuño. Neste tempo tivo lugar a reunión da mesa sectorial e unha mesa de negociación que resultou "unha brincadeira" segundo a central sindical nacionalista e agardan pola segunda, que terá lugar o 18 de xaneiro.Por todos estes motivos, para Asunción Castiñeiras era "lóxico" que o conflito se estendera a todo o país e a razón está "na actuación da patronal". 

Contratos coa Xunta da Galiza

Unha parte importante das empresas do sector está formado por grandes compañías estatais como Acciona, FCC, Eulen, Clece ou Sacyr que traballan para administracións públicas. Desde a CIG sinalan que, no sector público, boa parte dos contratos proceden da Xunta da Galiza. Por este motivo exixen que o Goberno galego interveña neste conflito para garantir, cando menos “para que o SMI sexa unha realidade nas táboas salariais do convenio”. Ademais, Fernández indica que hai casos singulares como o de Vigo, onde “os colexios públicos, os hospitais, as dependencias municipais e as da Xunta teñen convenio propio polo que están fóra do de limpeza”. A sindicalista asegura que quen sae prexudicado “por non ter convenio” son “as traballadoras de comercios ou as de automoción”. 

A situación das traballadoras deste sector non sempre foi así en termos de negociación sindical. A desaparición de empresas galegas de limpeza e a entrada das grandes multinacionais tamén influíu na situación que vive o persoal deste sector. “Nunca foi unha negociación sinxela mais agora a asociación provincial está desaparecida”, asegura Asunción Castiñeira, “as empresas multinacionais, moitas delas con sede en Madrid, entraron na Galiza grazas aos concursos públicos e teñen máis poder de representatividade na mesa polo que cada vez é máis difícil a negociación”, engade.

Por este motivo, e aínda que a nivel laboral recoñece que non teñen unha relación directa coa Xunta, entende que ao ser contratos públicos coa Administración galega, teñen a súa responsabilidade. "Non teñen que mirar cara outro lado e deixar de ollar o que está a acontecer nas casas destas traballadoras cada día", considera.   

Traballar e non chegar a fin de mes

Ana Penas, unha das traballadoras do sector que está de folga e participou onte en Lugo nas mobilizacións, explica a Nós Diario que co seu salario actual non chega a fin de mes, unha situación que obriga “a ter alguén máis na casa cun soldo máis elevado non podes nin imaxinarte cunha vivenda propia”. Leva catorce anos traballando como limpadora para a empresa lucense Lacera e entende que agora non están pedindo “nada do outro mundo, senón o SMI”.

Ademais, rexeita que lle queiran retirar a antigüidade “por ser a única suba coa que contamos e pola que se nos incrementa algo o soldo”. Desde que comezou cre que a situación empeorou moito. “No meu caso non, mais coñezo circunstancias de compañeiras que traballan até en tres empresas diferentes, facendo moitas horas e só chegan a súa casa para poder descansar e durmir”, conclúe.

Comentarios