18-F | Debate

Que propoñen PP, BNG e PSdeG para acabar coa precariedade laboral?

Contar cun emprego xa non é suficiente para chegar a fin de mes. As elevadas taxas de temporalidade e contratación parcial, máis acusadas entre a mocidade e as mulleres, que son quen asumen os postos máis precarizados, obrigan a revisar as políticas do mercado laboral ademais doutras medidas sociais complementarias que afasten as persoas traballadoras da pobreza e da exclusión social. As rendas do traballo baixan e o desemprego segue a ser un reto pendente. PP, BNG e PSdeG debaten sobre a fin da precariedade.
Noelia Pérez López (PP), Daniel Castro García (BNG) e Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG).
photo_camera Noelia Pérez López (PP), Daniel Castro García (BNG) e Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG).

Noelia Pérez López, candidata número 6 do PP pola circunscrición de Ourense, graduada en Traballo Social e parlamentaria

Dicía recentemente unha deputada socialista, nun chío, que "España medra, crea emprego, mellora a calidade de vida das familias e o sector produtivo. Este é o camiño e a resposta do Goberno de Pedro Sánchez ás necesidades reais da xente". Sorprendentemente, dicíao convencida. "Vaiche boa", diriamos os galegos dunha afirmación tan elocuente como populista que contrasta co recollido no documento da Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social Trabajar para ser pobres, de decembro, no que se relata un compendio de posibles causas do feito de que contar cun emprego nos tempos nos que vivimos non é suficiente para chegar a fin de mes. E non o é.

Por iso, é preciso que quen leva cinco anos e medio á fronte do Goberno de España abandone esa alegría ficticia cos datos económicos e empece a falar e a tomar medidas, porque a realidade a pé de rúa é ben distinta da que pretenden facernos crer.

Nas accións radica a diferenza entre unhas formacións políticas e outras. Mentres uns saen á rúa a reclamar dereitos no canto de adoptar decisións para conseguilos, outros traballan todos os días para alcanzalos, e o mellor exemplo é o Goberno galego dirixido por Alfonso Rueda.

A cidadanía perdeu poder adquisitivo? Si, pola influencia do contexto económico e político. Máis en Galicia deflactamos a tarifa do IRPF para axudar ás rendas máis baixas e en España non.

O Goberno galego traballa por reverter a situación a través da formación

Mellorar a produtividade é a clave para o crecemento económico, para a creación de emprego e a mellora dos salarios? Si. Pois, mentres España leva anos perdendo produtividade, o Goberno galego está traballando por reverter a situación a través da formación. Galicia é referente no ámbito da FP con taxas de inserción laboral do 85% que chegan ao 97% no caso da FP Dual, grazas ao traballo de todo o sistema. Máis tamén se lle deu un pulo á formación para o emprego, axustándoa para ofrecer ao tecido produtivo galego novos perfís que respondan ás súas necesidades, ao mesmo tempo que se reforzou o servizo público de emprego de Galicia coa incorporación de 136 orientadores laborais.

Con estas e outras moitas medidas, o Goberno galego, lonxe de escaparlle á súa responsabilidade e lonxe de triunfalismos baleiros, segue a situar as persoas no centro das súas políticas e a actuar onde hai marxe de mellora para dar solucións, tanto ás nosas xentes como a quen xera emprego na nosa comunidade.


Daniel Castro García, candidato número 2 do BNG por Lugo, graduado en Linguas Estranxeiras e parlamentario

Hai uns anos, ter un traballo supuña poder adquisitivo e facer unha vida normal, sen ter que mirar de esguello canto nos quedaba na conta corrente a fin de mes. Hoxe, ter un traballo non exime a maioría social deste país de ter que botar contas se hai que mercar unha nova neveira. Un exemplo prosaico, mais sintomático da situación do emprego na Galiza. Á esta precariedade chegouse pola aposta irresponsable do PP por un modelo socio-económico excesivamente dependente do sector servizos (nomeadamente do turismo) mentres a inestabilidade rexe o ecosistema empresarial galego e languidece a actividade industrial.

A consecuencia desas políticas aumentan a parcialidade e a temporalidade e baixan os salarios. Que por certo, son dos máis baixos do Estado. É no sector industrial onde é máis alta a media salarial bruta, mentres as traballadoras e traballadores do sector servizos son os que teñen a media máis baixa.

A perda de 51.000 empregos no sector industrial, o mar e o agro desde o 2009 até a actualidade é un legado difícil de xestionar. Igual que o feito de que a porcentaxe de supervivencia e permanencia das empresas galegas máis aló do seu primeiro ano de vida chegue escasamente ao 50%. Ante esta situación, as mudanzas deben ser profundas. Porque a precariedade só se combate coa xeración de empregos de calidade.

Urxe unha re-industrialización que garanta emprego de calidade

Para iso é imprescindible mudar o sistema e que o centro de gravidade da nosa economía pivote sobre unha necesaria re-industrialización do país, que garanta ese emprego de calidade e fomente que se pechen aquí os ciclos produtivos, desenvolvendo así toda a cadea de valor a partir das nosas materias primas e recursos. Xerar riqueza desde nós, con criterios de modernización e sustentabilidade.

Imprescindible é tamén que as políticas públicas do futuro goberno galego se centren no apoio a quen emprende, no acompañamento posterior ás pequenas e medianas empresas e persoas autónomas, para saír así dos números negativos de demografía empresarial; concentrando esa acción do goberno galego na xeración de riqueza e emprego a partir das nosas fortalezas competitivas: no enerxético, no alimentario, no mar, no agro e na industria.

En paralelo, hai apostar pola diversificación, desestacionalización, profesionalización e excelencia do modelo turístico como panca de cambio de paradigma, para que o sector servizos sexa garante de empregos tamén de calidade.


Carmen Rodríguez Dacosta, cabeza das candidatas do PSdeG por Ourense, diplomada en Dereito e técnica de Prevención de Riscos Laborais

O principal instrumento existente para garantir que as traballadoras poidan chegar a fin de mes é establecer un salario mínimo acorde coa Carta Social Europea. 
Se miramos atrás, vemos que pasou co SMI segundo o partido que gobernara. Co PP as traballadoras de menor salario perden poder adquisitivo. Con Aznar, entre 1996 e 2004, o SMI incrementouse nun 18% e o IPC nun 26,6%. É dicir, co Goberno de Aznar as traballadoras perderon 8,6 puntos da súa capacidade adquisitiva. Con Raxoi e co apoio de Feixoo, os traballadores e as traballadoras perderon un 8,3%. O SMI subiu un 14,7% e o IPC un 23%.

Co PSOE as cousas son distintas, as traballadoras gañan poder adquisitivo. Con Zapatero  o SMI aumentou o mesmo que o IPC, medio punto máis. Agora, con Pedro Sánchez, o IPC incrementouse nun 33,3% pero o SMI medrou nun 46,8%, 13,5 puntos máis. Sánchez comprometeuse en situar o SMI no 60% do salario medio bruto e fíxoo.

Contar cun emprego non é suficiente para chegar a fin de mes

Un segundo elemento para loitar contra a precariedade é o control do tempo de traballo. Existe unha normativa promulgada baixo o mandato socialista, que antes non había. Desde a Xunta da Galiza controlaremos a utilización do rexistro do tempo. Faremos especial insistencia no control dos contratos a tempo parcial, fixos descontinuos e temporais. Tamén retomaremos os pactos sectoriais de estabilidade establecendo a taxa obxectivo como un acordo colectivo de traballo. Avanzaremos na concertación social co terceiro sector mediante diferentes instrumentos: se acotará e diferenciará as entidades do terceiro sector entre ánimo e sen ánimo de lucro.

Concertaremos os servicios de orientación de emprego sociolaboral co fin de garantir estabilidade a traballadores e a usuarios e simplificar a tramitación administrativa. A concertación dos servicios de orientación conseguiríase nunha lexislatura. O terceiro sector situaría Galiza entre as comunidades autónomas mais avanzadas en servicios ás persoas na integración sociolaboral.

Para acabar coa precariedade non deixaremos sen investir uns 215 millóns anuais como fixo a Consellería en 2022, nin os 1.990 millóns de euros que o PP deixou sen gastar en políticas de emprego. Retomaremos os pactos territoriais de emprego como o elemento de planificación que permitirá facer rendibles os investimentos.

Comentarios