A industria galega perdeu máis de 70.000 empregos desde o ano 2008

O sector manufactureiro acumula dous anos perdendo persoas afiliadas.
A factoría de Stellantis en Vigo é unha das máis importantes da automoción galega (Foto: Europa Press).
photo_camera A factoría de Stellantis en Vigo é unha das máis importantes da automoción galega. (Foto: Europa Press)

O emprego no sector industrial rexistrou unha pequena caída no ano 2021, despois do descenso do número de afiliacións á Seguridade Social rexistrado en 2020, o primeiro desde o inicio da recuperación económica en 2014. Deste modo, as afiliacións en alta laboral no sector a 31 de decembro de 2021 eran de 143.696 persoas, 18 menos que na mesma data do ano anterior.

Así o referenda a Memoria socioeconómica do ano 2021, publicada polo Consello Económico e Social da Galiza a finais do mes de xullo de 2022. Esta nova baixada das persoas empregadas no sector industrial galego afondan a caída con respecto aos niveis previos á crise económica de 2008. Desta forma, son até 70.904 os empregos destruídos na industria galega desde 2008.

Ademais, a industria galega perdeu emprego entre 2020 e 2021 a pesar de incrementar o seu Valor Engadido Bruto (VEB) en 4,1%, unha porcentaxe un punto menor á experimentada polo conxunto do Estado español, que se situou en 5,2%.

O sector industrial galego, que achega 16% do PIB total a prezos de mercado da economía galega, experimentou unha contracción de 9,2% da actividade durante a crise económica orixinada pola pandemia do coronavirus.

Porén, como xa ten indicado a Nós Diario o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Bernardo Baldês, a crise industrial da Galiza é moi anterior ao comezo da pandemia do coronavirus. Así, o profesor da USC indicou que “entre 2008 e 2019 o VEB na industria manufactureira radicada na Galiza caeu case 8% en termos correntes. Nese mesmo período, o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%”.

 A este respecto, destaca que “é certo que se vén producindo un cambio na xeografía industrial a nivel comunitario, mais non precisamente en prexuízo do centro da Unión Europea”. A profesora da USC María Cadaval tamén lembrou a este xornal que “a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008”.

Por outra parte, o índice galego de confianza empresarial,amosou expectativas claramente pesimistas a partir do segundo trimestre do ano 2020. Ao longo do ano 2021 redúcese ese pesimismo, se ben aumenta lixeiramente no derradeiro trimestre do ano, indicando de novo unha tendencia negativa despois de recuperarse dos malos datos durante a pandemia.

Crise no sector naval, na automoción e no téxtil

O emprego na automoción representa 11% do total de empregados do sector manufactureiro na Galiza, sete décimas menos que no ano 2008 (11,7%). As dificultades polas que atravesa o sector no ano 2021, como as relacionadas coa crise global de semicondutores ou os problemas de abastecemento, incidiron na caída das afiliacións á Seguridade Social nese ano. A 31 de decembro de 2021 a Galiza contaba con 15.068 afiliacións en alta laboral no sector, 1.513 menos que na mesma data do ano anterior, unha caída de 9,1%.

2021 foi un mal ano para a industria naval, atendendo á evolución das afiliacións á Seguridade Social, ao presentar unha caída de 8,4% respecto ás rexistradas no ano anterior. A 31 de decembro de 2021, o sector contaba con 4.656 afiliacións, a cifra máis reducida dos últimos sete anos, o que supón unha caída de 428 afiliacións en relación a 2020. 

Tamén caeu a afiliación no sector téxtil galego en 2021, con 9.726 altas, 353 menos que o ano previo. 

O sector bancario perde 6.000 empregos desde 2008 na Galiza

O número de entidades de depósito reduciuse 58,8% desde 2008 na Galiza. Así, un total de 54 concellos non contaba con ningunha oficina no ano 2021 (24 en 2008) e outros 126 tan só dispoñen dunha sucursal (56 en 2008).

No concernente ao emprego, o número de afiliacións nos servizos financeiros continúa descendendo na Galiza, situándose de media no ano 2021 en 8.633 afiliacións, cifra inferior á do ano anterior (9.118 afiliacións) e 6.016 persoas afiliadas menos que no ano 2008 (14.649 afiliacións).

Comentarios