A Galiza encabeza o afundimento da produción industrial, cunha caída de 8%

Rexistra o maior descenso dentro do Estado español.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera A industria galega produciu 8% menos en abril de 2022 que no mesmo mes do ano anterior. (Foto: Antonio Alcobendas)

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) afundiu na Galiza 8% en abril, en comparanza co mesmo mes de 2021, segundo datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, a Galiza situouse como o territorio do Estado español onde máis caeu a produción industrial no cuarto mes do ano, mentres que a media estatal rexistrou unha baixada de 0,4%, após cinco meses en positivo.

No que vai de ano, a produción industrial galega diminuíu 6,5% se se compara cos datos do primeiro cuadrimestre do exercicio anterior, mentres que no total do Estado subiu 2%.

Datos estatais

A nivel estatal, o Índice Xeral de Produción Industrial baixou 0,4% en abril en relación ao mesmo mes de 2021, unha taxa oito décimas inferior á do mes anterior, informa o INE.

A produción da industria dos bens intermedios foi a que máis se resentiu en abril, ao rexistrar unha caída interanual de 3,7%. Seguíronlle os bens de equipo, cun retroceso de 1,6%. O resto de sectores elevaron a súa produción no cuarto mes do ano, especialmente a enerxía (+3,9%) e os bens de consumo duradeiro (+3,5%). Os bens de consumo non duradeiro, pola súa parte, incrementaron a súa produción en 1,7% interanual.

Por ramas de actividade, as que máis incrementaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (+21,9%); a industria do coiro e do calzado (+21%), e a industria da madeira e da cortiza (+10,8%). Entre os descensos, os máis acusados rexistráronse noutras industrias extractivas (-13,5%); a fabricación doutros materiais de transporte (-9,3%); a subministración de auga e actividades de saneamento (-8,7%); a fabricación de produtos informáticos (-8,4%), e a fabricación de vehículos de motor (-8,1%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial subiu 2,4% en comparación con abril de 2021, taxa máis de dous puntos superior á de marzo, cando non experimentou variación. En termos mensuais —abril sobre marzo— e dentro da serie corrixida, a produción industrial aumentou 2,1%, a súa maior alza mensual desde novembro de 2021, cando se incrementou 2,2%.

Comentarios