O Parlamento galego pide, por unanimidade, incluír a conexión de Stellantis coa rede de moi alta tensión

O texto aprobado insta o Goberno estatal a rectificar e ter en conta a factoría viguesa na proposta.
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)

Unanimidade no Parlamento galego para volver instar o Goberno estatal a "rectificar" —tras proposta do PP— e incluír a conexión da planta de Stellantis en Vigo coa rede de moi alta tensión, así como que se constrúa a subestación de Balaídos.

Ademais, con esta iniciativa pídese o reforzo dos nodos de transporte máis próximos aos proxectos de xeración renovábel para minimizar o impacto das novas liñas eléctricas de evacuación e garantir a competitividade da industria.

No debate, a deputada popular Teresa Egerique censurou que "non é entendíbel que, sen mudar as circunstancias que en 2015 motivaron a inclusión da proposta na planificación da rede eléctrica, agora, a mesma actuación e cos mesmos precedentes, quedase excluída da nova planificación 2021-2026".

Egerique criticou que "o único que fai" o Goberno é "mirar para o Mediterráneo" e non atender as necesidades de Stellantis en Vigo, no que considera un "desequilibrio absoluto entre o sector industrial do país".

Pola súa parte, Carmela González (BNG) mostrou o apoio do seu grupo a esta proposta e esperou que o Goberno "rectifique" e que sexa a "última vez" que se trae esta iniciativa á Cámara.

Con todo, advertiu de que na reunión entre Alfonso Rueda e Pedro Sánchez será o "momento de corroborar o peso político que ten" o presidente galego no Estado.

Leticia Gallego (PSdeG) apoiou a petición, se ben remarcou que xa se aprobou en máis ocasións. "Non sei que pretende traendo outra vez" esta iniciativa, cuestionou.

Xunto a isto, reprochou aos populares que cando estaba Mariano Raxoi no Goberno estatal e Alberto Núñez Feixoo na Xunta "non fixeron nada" a respecto diso.

Comentarios