Os impostos temporais aos beneficios da banca e das eléctricas gravarán 4,8% e 1,2% respectivamente

O Executivo español ten previsto recadar uns 7.000 millóns de euros durante os dous anos que estean vixentes os impostos.
Entrada dun edificio de Bankia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
photo_camera Entrada dun edificio de Bankia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

Despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciase durante o debate do Estado de Política Xeral, a creación de impostos de carácter temporal e "excepcional" sobre os beneficios "extraordinarios" das entidades financeiras e das empresas eléctricas e enerxéticas, no día de hoxe o Executivo estatal fixo pública a súa proposta.

Así, gravarase con 4,8% os xuros e comisións netas da banca cando superen os 800 millóns de euros de ingresos.

No caso das empresas enerxéticas, será 1,2% sobre as ventas totais das compañías que facturen máis de 1.000 millóns de euros anuais.

Coa presentación desta proposta de lei no Congreso, o Goberno español comeza coa tramitación parlamentaria destes novos impostos que, de seren aprobados, estarán vixentes en 2022 e 2023.

O obxectivo do Executivo de Pedro Sánchez é recadar uns 7.000 millóns de euros, sumando os 4.000 millóns de euros das compañías enerxéticas e os 3.000 obtidos das entidades financeiras.

Aplicación de sancións

A proposta do Goberno español tamén ten previsto que, no caso de que estas empresas opten por trasladar o aumento do custo do imposto aos seus clientes para evitar que que este reduza os seus beneficios, aplicarase unha sanción de 150% do importe que se aplique aos clientes.

O organismo encargado de controlar que as compañías non leven a cabo estas prácticas será a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). No caso das entidades financeiras, a CNMC desenvolverá este labor de maneira conxunta co Banco de España.

Comentarios