O metal coruñés mantén a folga após rexeitar a "insuficiente" oferta da patronal

A semana que vén hai convocados paros os días 7, 8 e 9 de xuño.
Manifestación do persoal do metal na Coruña, o pasado 18 de maio. (Foto M. Dylan  Europa Press)
photo_camera Manifestación do persoal do metal na Coruña, o pasado 18 de maio. (Foto M. Dylan Europa Press)

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT anunciaron esta sexta feira que manteñen a convocatoria de folga no sector do metal na provincia da Coruña, a non ser que na reunión da mesa negociadora da próxima segunda feira, 6 de xuño, a patronal "asuma e acepte as nosas reivindicacións".

Nun comunicado conxunto, as organizacións sindicais desmenten as informacións difundidas pola patronal en relación á última reunión. "Aínda que é certo que, froito do éxito da folga e da unidade na loita de todas e todos os traballadores, a patronal fixo algún tipo de movemento, estes foron totalmente insuficientes", afirman.

A patronal emitira un comunicado a pasada quinta feira no que aseguraban ter presentado á parte sindical unha proposta de incremento salarial de 10% entre o 2021 e o 2024, garantindo ademais a actualización anual co IPC real "para blindar o mantemento do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector".

Porén, desde CIG, CCOO e UXT critican que a patronal "segue a negar o poder adquisitivo dos nosos salarios, xa que pretende que no 2020 vaiamos a un incremento de 0%, e para 2021 só recoñece 3,5%, cando o IPC real foi do 6,5%, causando con isto unha importante perda de salario por non abonar atrasos nin actualizar as táboas salariais".

Ademais de apuntar que tardarían "anos" en recuperar esta perda, indican que na proposta que lles fan manteñen "os peores aspectos da súa anterior proposta", como unha desregulación da xornada de 175 horas anuais.

Na mesma liña, critican que a patronal "segue tentando introducir elementos que precarizan máis o sector do metal", á vez que insiste en non recoñecer "os elementos principais que levaron a convocatoria desta folga: a subrogación e o mantemento do poder adquisitivo", engaden.

Novas xornadas de paros

Os sindicatos poñen en valor que, após "catro exitosas xornadas de folga no mes de maio", tomaron a iniciativa de esixirlle á patronal que actuase "dunha vez por todas" con responsabilidade e que convocase a mesa do convenio para desbloquear a situación e negociar un convenio digno para o metal coruñés.

Por iso, e a non ser que o próxima segunda feira, 6 de xuño, na nova reunión da mesa negociadora a patronal "asuma e acepte as nosas reivindicacións, a convocatoria de folga continuará", abundan. Hai paros convocados a próxima semana ─os días 7, 8 e 9 de xuño─, así como os días 28, 29 e 30 deste mes de xuño.

Comentarios