O alto custo da enerxía dispara os prezos industriais na Galiza, que soben 46%

O dato galego é tres puntos superior ao do conxunto do Estado español e vén condicionado polo incremento xeral dos prezos.
Liña montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)
photo_camera Liña montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)

Os prezos industriais subiron na Galiza 1,7% o pasado mes de xuño en relación ao mes anterior, e deste modo volveron dispararse até 46,5% na taxa interanual, marcados polo aumento do prezo da enerxía.

Así, na Galiza esta taxa incrementouse en tres décimas a respecto da rexistrada o pasado mes de maio, cando se situaba en 1,4%, segundo informou esta terza feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Os prezos disparáronse no país marcados polo incremento de 121% da enerxía. Séguea o incremento dos bens intermedios (+24,8%), o rexistrado nos nens de consumo non duradeiro, (+11%), e o de bens de consumo, (+10,8%).

Segundo destacou o INE, os prezos industriais sen contar a enerxía subirían 15,3% na Galiza, isto é, 30 puntos menos que a taxa interanual actual.

Datos estatais

No conxunto do Estado, os prezos industriais subiron 1,9% en xuño en comparanza con maio, e medraron 43,2% en taxa interanual, tres puntos menos que a media galega.

Con todo, esta taxa moderouse catro décimas a respecto da rexistrada en maio. Coa repunta interanual de xuño, os prezos industriais encadean 18 meses consecutivos de taxas positivas. A taxa interanual, porén moderouse a respecto da do mes anterior.

As taxas anuais máis elevadas déronse en Asturias (+66,3%), Balears (+68,3%) e Canarias (+64,7%), mentres que as máis moderadas corresponderon á Rioxa (+21,1%), Nafarroa (+25,7%) e Catalunya (+28,8%).

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios