A fenda entre a pensión de xubilación galega e estatal aproxímase aos 200 euros

A prestación de xubilación na Galiza é, ao igual que sucede coa pensión media, a segunda máis baixa do Estado español, só por detrás da de Estremadura.
A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado e está 25,31% por baixo da vasca (Foto: Europa Press).

A pensión media na Galiza sitúase a comezos de abril nos 927,43 euros, o que supón 5,61% máis que no mesmo mes de 2021, unha suba que non lle impide saír dos postos de cola: é a segunda máis baixa a nivel do Estado español, onde a media alcanza os 1.087,48 euros, segundo os datos publicados onte polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A pensión media inclúe as distintas clases de pensión, como son as de xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares. As de xubilación representan 62,7% do total, con 482.257 persoas beneficiarias na Galiza sobre 768.269, e tamén son as segundas máis baixas do Estado, so por diante das de Estremadura, e as que maior diferencia presentan con respecto á media estatal. 

En concreto, o importe que reciben de media por xubilación as e os pensionistas galegos é case 200 euros inferior ao do conxunto do Estado, con 1.058,94 euros na Galiza fronte aos 1.251,54 euros no conxunto dos territorios do Estado, é dicir 15,39% menos no país e moi lonxe de valores como os de Euskadi, onde a pensión de xubilación ascende de media a 1.326,92 euros, 25,31% máis que na Galiza.

O lastre dos salarios 

O feito de que a Galiza presente o segundo peor dato en pensións de xubilación explícase, en parte, polo feito de que ten tamén un dos salarios medios máis baixos do Estado español. 

Isto provoca, segundo recolle a clasificación de territorios pola economía sénior 2021, elaborada pola Fundación Mapfre, que o país sexa o quinto territorio do Estado español con mellor taxa de ocupación entre a poboación maior de 55 anos, que prefire alongar a súa vida laboral con tal de non perder poder adquisitivo.

Así, o documento da Fundación Mapfre tamén evidencia que os baixos salarios dos galegos e as galegas impídenlles tamén facer achegas a plans de pensións privados ─os mesmos que está a impulsar o Goberno español dentro das empresas─ na mesma medida que noutros territorios do Estado. Neste senso, a Galiza é o sétimo territorio con máis persoas maiores que contan cun plan de pensións privado individual, aínda que, se falamos do capital que teñen aforrado nos mesmos, o patrimonio medio dos galegos baixa até o décimo posto.

Medra o gasto en pensións

A nivel estatal, a Seguridade Social destinou en abril a cifra récord de 10.798 millóns de euros ao pagamento das pensións contributivas, 4,9% máis que no mesmo mes de 2021, segundo datos do Ministerio. En total aboáronse 9.929.502 pensións contributivas, 1% máis que hai un ano. 

No caso da Galiza, o Ministerio rexistrou en marzo de 2022 un aumento no número de persoas beneficiarias de pensións contributivas (3.200 máis que hai un ano), na súa maioría de xubilación. 

Porén, o incremento do gasto estatal no país é superior ao do conxunto do Estado, pois a nómina total das pensións ascendeu o pasado mes a 712,15 millóns de euros na Galiza, o que supón 6% máis con respecto aos 671,63 millóns aboados en marzo de 2021, segundo os datos da Seguridade Social.

Comentarios