Centos de xubilados protestan contra a reforma das pensións, que soben 2,5% fronte ao incremento de 6,5% do IPC

A Galiza ten a pensión media de xubilación máis baixa do Estado español após Estremadura.
Mobilización decorrida en Vigo esta quinta feira contra a reforma das pensións (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización decorrida en Vigo esta quinta feira contra a reforma das pensións (Foto: CIG).

Centos de persoas xubiladas mobilizáronse esta quinta feira nas sete cidades galegas contra a nova reforma das pensións, en senllas concentracións convocadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG). A organización sindical exixiu a derrogación das reformas do sistema de pensións levadas a cabo en 2011 e 2013 e denunciou que a reforma aprobada este ano polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos "non garante o mantemento do poder adquisitivo".

Así, as persoas manifestantes escenificaron o seu rexeitamento a esta nova lei queimando copias do Boletín Oficial do Estado (BOE) no que esta cuarta feira saíu publicada a norma. Para a CIG, esta nova reforma "consolida" os aspectos máis lesivos das reformas anteriores, "pretendendo vender como un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC".

"Mais é un engano, porque a norma estabelece a revalorización segundo o IPC medio e non o IPC acumulado. Isto supón que este ano perderemos 4% do noso poder adquisitivo, xa que as pensións só soben  2,5%, mentres a inflación ficou en 6,5%", denunciou o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.

No manifesto das concentracións desta quinta feira lembrábase que hai exactamente 11 anos a CIG, "en solitario", levaba adiante unha folga xeral contra a reforma das pensións do Goberno de Jose Luís Rodríguez Zapatero, "que supuxo un enorme retroceso no sistema público de pensións", xa que aumentou a idade de xubilación aos 67 anos.

"Hoxe moitas das persoas que participaron na folga do 2011 están xubiladas e cobran unha pensión. E hoxe van sufrir un novo agravio, ao ver minguado o poder adquisitivo das súas pensións con esta revalorización tramposa do autodenominado goberno máis progresista da historia e dos seus cómplices, as centrais sindicais españolas CCOO e UXT", criticaron desde a CIG.

As pensións galegas, á cola do Estado

Cómpre lembrar que a pensión media de xubilación alcanza os 1.053,71 euros na Galiza no presente mes de xaneiro, o que supón 42,33 euros máis que en decembro de 2021 (1.011,38 euros), segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A pesar deste incremento, sitúase 192 euros por baixo da media estatal, que é de 1.245,9 euros.

Desta forma, a Galiza segue ao comezo de 2022 como o segundo territorio pola cola, só por riba de Estremadura (1.036,04 euros). A pensión de xubilación máis elevada é a de Euskadi (1.527,8), seguida por Asturies (1.494,7), Madrid (1.449,7) e Nafarroa (1.405,4).

Comentarios