O 33% das persoas pensionistas viven na Galiza con menos de 649 euros ao mes

61.226 xubiladas reciben unha pensión que non supera 324 euros
As persoas maiores sofren especialmente as consecuencias do illamento social (Foto: Arxina).
photo_camera As pensións galegas son unhas das máis baixas do Estado español. (Foto: Arxina)

A pensión é o principal ingreso para 769.444 cidadáns residentes na Galiza. Segundo os datos achegados polo informe Mercado de traballo e pensións en 2020, elaborado pola Axencia Tributaria, 373.473 xubilados son homes e 395.968 son mulleres, sendo moi inferiores os ingresos recibidos por estas a través das pensións, sexa por contar con salarios inferiores ao longo da súa vida laboral ou por presentar baleiros na mesma como consecuencia do seu papel no ámbito dos coidados ou do fogar.

As mulleres acceden á idade de xubilación con 11 anos menos cotizados que os homes. Así, entre as persoas que fixeron 64 anos en 2019, os homes acumularon 34,5 anos de alta laboral mentres as mulleres ficaron en 26. A situación aínda é peor no grupo de idade superior a 65 anos, onde os homes se achegan a 65 anos cotizados e as mulleres fican en 24. Neste sentido, enténdese que 60% da poboación con pensións inferiores a 649 euros son mulleres.

As pensións máis baixas medran 35%

Un total de 61.226 persoas xubiladas viven na Galiza cunhas pensións que non superan 324 euros, sendo 33.876 mulleres e 27.350 homes. Pola súa banda, os ingresos de 197.549 pensionistas galegos sitúanse entre 324,35 euros e 648,7 euros, correspondéndose 121.036 con mulleres e 76.513 con homes.

A este respecto, a comparativa dos exercicios de 2019 e 2020 deixa claro que os beneficiarios das pensións máis baixas téñense incrementado en 35% nese período. Ao tempo o número de pensionistas que superan entre 1 e 1,5 veces a pensión mínima, isto é 973, teñen minguado en 22% no último ano. 

A caída do poder adquisitivo das pensións é unha constante. A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) estimaba en febreiro 2017 que as pensións perderían 7% só entre 2013 e 2022. Outra estimación eleva a 11% a perda das pensións en 15 anos seguintes a 2014, no suposto dunha inflación media de 2%, taxa considerada desexábel pola Unión Europea, que aumentaría ao 14,5% se a inflación fose do 2,5% anual. Segundo os datos achegados pola Confederación Intersindical Galega, a reforma do réxime pensións de 2011 supuxo unha caída no poder adquisitivo das mesmas de 25%, ao “ampliar a idade de xubilación a 67 anos e aumentar o período de cálculo a 25 anos”.

Carta Social europea

As contías das pensións mínimas galegas están por debaixo do fixado na Carta Social europea. A mesma estabelece que as xubilacións deben chegar a 60% do determinado no salario medio do Estado, que neste caso é de 1.150 euros ao mes. Na mesma liña, a proposta de reforma das pensións formulada polo Goberno, que amplía en 10 anos a base de cálculo pasándoa de 25 a 35 anos, implica avanzar na desvalorización interna. Neste escenario, as expertas dan como seguro que esta medida provocará unha caída do poder adquisitivo e un impacto nuns termos semellantes á da década pasada.

A este respecto, concretar a alza das pensións conforme ao valor medio das taxas de revalorización anual, neste caso de 2,5%, e non de acordo co Índice do Prezos ao Consumo (IPC), 5,5% en 2021, implica unha perda de poder adquisitivo de 3%.

Galiza, á cola do Estado en pensións

A pensión media anual situouse na Galiza en 14.207 euros en 2020. Malia que as cifras do pasado exercicio representan un incremento de 1,7% respecto á anualidade de 2019, as pensións galegas mantéñense á cola do Estado, só superando a contía percibida polos xubilados de Estremadura e de Castela- A Mancha. Porén, a media das pensións galegas vese edulcorada polo efecto das provincias atlánticas, até o punto de que os xubilados ourensáns son os que menos cobran do Estado, situándose moi perto a estes os lugueses. A foto final é resultado dos baixos salarios da Galiza e da súa particular estrutura de clases, nun caso e noutro marcado por razóns de orde estrutural asociadas ao seu papel na división internacional do traballo.

Comentarios