Economistas alertan de que o aumento das cotizacións prexudicará a xente nova

Fedea dubida da eficacia do Mecanismo de Equidade Interxeracional e di que o seu deseño é "francamente mellorábel".
As persoas expertas consultadas por PWC consideran a xente nova as "grandes pagadoras" da actual crise económica e da de 2008 (Foto: Arxina).
photo_camera As persoas expertas consultadas por PWC consideran a xente nova as "grandes pagadoras" da actual crise económica e da de 2008 (Foto: Arxina).

A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) vén de presentar unha análise do Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) ─que substitúe ao factor de sustentabilidade das pensións─  no que advirte de que, aínda que axudará a mitigar os problemas do sistema, resultará "insuficiente" e prexudicará aos máis novos, que terán que soportar unha maior carga fiscal.

O documento elaborado polos economistas Miguel Ángel García, Alfonso Sánchez e Ángel de la Fuente, recoñece que o MEI será a primeira medida da reforma de pensións que axudará a reducir os problemas de sustentabilidade do sistema público, aínda que cren que o seu deseño é "francamente mellorábel".

De feito, os expertos de Fedea conclúen que a substitución do factor de sustentabilidade por este mecanismo "non contribúe precisamente a mellorar a equidade interxeracional do sistema de pensións", xa que un incremento das cotizacións ─un dos compoñentes sobre os que se asenta─.

"tende a prexudicar ás cohortes máis novas, que son precisamente as que merecerían un respiro, dado que o seu minguante tamaño en relación co stock de xubilados esixirá un aumento significativo da súa carga fiscal", argumenta a fundación.

Redacción confusa

Porén, este non é o único problema que aprecia Fedea no MEI, pois considera que o novo mecanismo presenta "serios problemas de deseño", agravados por unha redacción "moi confusa".

A Fundación de Estudos de Economía Aplicada entende tamén que será "claramente insuficiente" para restaurar o equilibrio do sistema e para substituír o factor de sustentabilidade. 

A este respecto, avisa de que, fronte ás catro ou cinco décimas de PIB de aforro anual que este xeraría de media até 2050, "o MEI só achegaría con certeza dúas décimas durante 10 anos" a través do seu primeiro compoñente (a suba da cotización). O resto, explica Fedea, podería provir do terceiro compoñente. 

Ese terceiro compoñente estabelece que se as dúas décimas de PIB de límite á disposición de activos son insuficientes, abriranse negociacións cos axentes sociais para buscar outras solucións, que poderían pasar por novas subas das bases de cotización como por recortes de gasto, cun tope de 0,8 puntos de PIB ao ano. Con todo, Fedea recoñece que ese tipo de acordo cos axentes sociais"podería ser complicado de alcanzar", polo que deixa moitas portas abertas.

Comentarios