Caen até 5,6% na Galiza

Os salarios galegos 10% por baixo da media do Estado

Os salarios das traballadoras e traballadores galegos continúan sen converxer coa media estatal. Pola contra, na última década asistiuse a unha caída das rendas do traballo e a unha baixada continuada do custo laboral unitario que está a provocar unha diminución do poder adquisitivo da poboación asalariada.

camareiro bar hostalaría cervexa restaurante
photo_camera O sector servizos ocupa 73,2% da poboación asalariada na Galiza. (Foto:Europa Press).

A fenda salarial entre as traballadoras e traballadores galegos e os do resto do Estado non diminúe. Os datos ofrecidos o pasado 4 de marzo polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que no último exercicio estudado (2020), a remuneración salarial por hora traballada na Galiza situouse en 19,4 euros, mentres que no conxunto estatal alcanzou 21,4 euros e na media da Unión Europea 24,9 euros.

Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios nos últimos 11 anos é de 3,7 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores e das traballadoras, que só se mantivo con recurso ao endebedamento.

Un asalariado galego ten unha retribución 9,6% inferior á dun traballador do Estado e 19,1% menor á media dun operario da Unión Europea. Ao tempo, desde 2009 veuse producindo unha caída continuada dos salarios e do poder adquisitivo medido polo custo laboral unitario. Segundo o IGE, os salarios caeron na Galiza de maneira consecutiva entre 2009 e 2014 até sumar unha baixada de 11,3% e a súa suba a partir de 2015 foi moi inferior á da media estatal. Así, desde 2015 até 2020, os salarios aumentaron na Galiza en 12,4%, mentres que no conxunto do Estado o incremento foi de 14,4%, feito que agudiza aínda máis a fenda salarial. Neste sentido, os salarios marcaron en 2020 unha caída de 5,6%.

O poder de compra dos traballadores reduciuse de modo moi acusado na última década. Nesta liña, o custo laboral unitario real -indicador que compara a evolución da remuneración por asalariado coa evolución da produtividade do traballo e dos prezos, tomando un valor positivo se o crecemento da remuneración por asalariado supera o crecemento da produtividade e dos prezos-, foi claramente negativo.

A este respecto, o IGE sinala que só rexistra valores positivos nas anualidades de 2019 e 2020, presentando resultados negativos en todos os exercicios desde 2010. Así, esta variábel caeu 4,5% na última década. A perda de peso das rendas do traballo fronte ás do capital foi unha constante.

As randas do traballo en caída libre

Segundo o Estudo sobre salarios do IGE, as rendas do traballo representaron a 31 decembro de 2020, 46,4% do Produto Interior Bruto (PIB), 1,6 puntos menos que en 2009, ano da chegada á Presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Naquela altura, as rendas do capital significaron 52% do PIB galego, fronte a 54,6% de 2020, nunha mostra da perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas galegas, que segue a situarse nos niveis máis baixos do conxunto estatal. Tanto é así que as rendas do traballo foron en 2020 na media do Estado de 48,5% do PIB, isto é, 2,1 puntos superiores ás galegas.

Tomas Pikkety, no xa clásico O Capital no século XXI, escribe que a relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal termómetro para medir as desigualdades sociais. Segundo o economista francés, "o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda do mercado [antes de impostos e gasto público], que se observa na maioría dos países nas últimas décadas, o que formula enormes retos no terreo da cohesión social".

As cifras ofrecidas por Luis Ayala, Antonio Jurado e Jesús Pérez Mayo no seu traballo Diferenzas de igualdade e benestar nas rexións españolas, publicado nun informe sobre a desigualdade editado pola Fundación Alternativas, non deixan lugar a dúbidas.

Atendendo aos datos do índice de Gini, afirman que en 2008 a Galiza era o cuarto territorio con maior igualdade do Estado español, só presentando unha distribución mellor da renda Nafarroa, Aragón e A Rioxa. O incremento da desigualdade neste período camiñou da man da caída das rendas de traballo.

A Galiza, novena autonomía máis desigual

A situación é moi diferente após os anos de Goberno de Feixoo. Atendendo ao índice de Gini, en 2018 a Galiza foi o noveno territorio con menor igualdade do Estado español, empatado con Estremadura e por diante de Nafarroa, Aragón, Euskadi, Asturias, Castela e León, Catalunya e A Rioxa.

A desigualdade na Galiza medrou notabelmente durante o período máis intenso da crise e cun ritmo inferior nos anos posteriores. Porén, a diferenza do acontecido en boa parte dos territorios do Estado, onde se observa unha redución da desigualdade a partir de 2014, o seu crecemento non se vai deter ao longo de toda esta etapa.

Comentarios