Os plans de emprego restarán ingresos por comisións á banca e ás aseguradoras

A patronal das aseguradoras di que crear un aforro a base de destruír outro é "bastante mala idea", mentres que o colectivo de traballadoras autónomas celebra a rebaixa nas comisións
A secretaria xeral de Unespa, Mirenchu del Valle, cualificou o anteproxecto dos plans colectivos de pensións de "decepcionante" ( Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A secretaria xeral de Unespa, Mirenchu del Valle, ve "decepcionante" o anteproxecto dos plans colectivos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A semana pasada, o Goberno español aprobaba o anteproxecto de lei de plans colectivos de pensións, que persegue, entre outras cuestións, impulsar os plans de emprego nas empresas fronte aos plans individuais, como avanzou o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá na súa presentación.

Deste modo é como pretende rematar cunha "situación anómala desde hai dúas décadas" na que os plans colectivos estiveron estancados, fronte ao crecemento dos plans individuais que, polo seu deseño, apuntou Escrivá baseándose nun informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIRef) de 2020, "teñen un carácter regresivo que só beneficia as rendas altas".

Para favorecer este cambio, o Goberno español recolle nos Orzamentos de 2022 que a dedución no IRPF dos plans de emprego ascenda a 8.500 euros, mentres que nos plans individuais baixará a 1.500 euros.

O Executivo estatal tamén quere aproveitar as negociacións da reforma laboral para que os plans de emprego sexan unha cuestión máis a abordar na negociación colectiva, facéndoos máis atractivos para as empresas e para os axentes sociais.

Críticas desde Unespa

Mais os plans do Goberno español non acaban de convencer todas as partes. Esta segunda feira, a secretaria xeral de Unespa, a patronal das aseguradoras, Mirenchu del Valle, cualificou o anteproxecto de "decepcionante" e avisou de que o financiamento do novo aforro recaerá sobre as empresas e os traballadores e traballadoras autónomos.

Por unha banda, Del Valle criticou que se trata dun anteproxecto que "non crea", senón que "destrúe" o aforro individual para impulsar o aforro colectivo en empresas e corporacións. "Crear un aforro a base de destruír outro é bastante mala idea e, sobre todo, non é crear aforro: é cambialo de sitio", reprochou.

En segundo lugar, resaltou que o anteproxecto non aclara como se vai financiar o novo aforro que se pretende impulsar, pois "todo se fía á bondade dunha negociación colectiva" ou a unha "vaga promesa" de que algún día se tratará a mellora das condicións fiscais das achegas.

Aseguradoras e bancos teñen moito que perder, pois o Goberno español será o encargado de promover os fondos colectivos, aínda que a súa xestión dependerá de xestoras de fondos. Estas elixiranse por concurso, de maneira que se incentive a competencia e ofrezan baixas comisións ─0,30 de máximo fronte a 1% que ofrecen de media estas entidades─ aos seus partícipes. 

Máis para as autónomas

Desde o colectivo de autónomos ven ben esta proposta. Segundo cálculos de UPTA, os plans de emprego reducirán á terceira parte as comisións que actualmente pagan os autónomos nos seus plans individuais, de forma que a pensión complementaria que percibirían sería entre 15% e 20% superior á proporcionada polos plans individuais.

En todo caso, o seu presidente, Eduardo Abad, advertiu de que este novo plan non debe minguar en ningún caso o sistema actual de pensións, debe estar garantido polo Estado e ter un sistema de gobernanza "coa máxima transparencia".

Comentarios