O Congreso do Estado español avala a nova reforma das pensións

CIG e CSIF critican o decreto de reforma de pensións do Goberno estatal.
O ministro español de Seguridade Social, José Luis Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Seguridade Social, José Luis Escrivá, esta quinta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Congreso español validou esta quinta feira o decreto lei que inclúe a nova reforma do sistema das pensións cos votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, ERC, PNV, PDeCAT, Coalición Canaria, Compromís, PRC, Teruel Existe e Más País. Pola súa parte, Bildu, Junts e Vox abstivéronse, mentres que o BNG,  PP, Ciudadanos, Foro Asturias, e CUP votaron en contra.

Unha vez validado o decreto, tamén se aprobou tramitar a reforma como un proxecto de lei e permitir así aos grupos parlamentarios negociar novas modificacións ao texto.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, defendeu a reforma das pensións, que ao seu xuízo "permite abordar o reto demográfico". Ademais, recoñeceu que lle "tería gustado máis" ampliar o período de cálculo da pensión até os 30 anos en lugar de até os 29 anos que finalmente se estabeleceron.

Aina Vidal, de Unidas Podemos, defendeu o decreto argumentando que impulsa un cambio desde unha reforma do PP en pensións que considerou "lixo" a un novo sistema que se centra en incrementar os ingresos e non en reducir o gasto.

Pola súa parte, o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, xustificou o voto en contra do Grupo Popular ao decreto lei que reforma as pensións alegando que "claramente abre a porta para seguir incrementando as cotizacións e baixar as pensións".

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou que "a proposta do Goberno de PSOE e Unidas Podemos mantén os aspectos lesivos de 2011 (PSOE) e 2013 (PP)". Ademais, Rego defendeu que o decreto "non recupera nin amplía dereitos, non sobe as pensións mínimas até 60% do salario mínimo, non resolve a fenda de xénero nin a territorial e non asegura as fontes de financiamento".

División entre sindicatos

A CIG manifestouse esta terza feira nas sete cidades galegas contra a aprobación da reforma baixo o lema "As pensións non se tocan". Tamén CSIF se mostrou crítico coa norma, da que dixo que pon en marcha medidas "prexudiciais" para o conxunto de persoas traballadoras, tanto no incremento das cotizacións como no incremento dos anos para o cálculo da contía das pensións. Pola súa parte, tanto CCOO como UXT mostraron a súa satisfacción coa aprobación do decreto lei no Congreso.

Comentarios