A CIG mobilízase nas cidades galegas contra a reforma das pensións que se votará esta quinta feira

Paulo Carril sinala que a medida consolida os recortes de 2011 e 2013.
Concentración da CIG en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración da CIG en Vigo (Foto: Nós Diario).

Baixo o lema “As Pensións Non Se Tocan!”, a CIG mobilizouse esta cuarta feira nas sete cidades galegas en rexeitamento á reforma das pensións aprobada polo Goberno español que se validará esta quinta feira na sesión plenaria do Congreso. 

Para a central sindical nacionalista, esta reforma "constitúe un paso atrás no dereito a termos unha pensión digna, xa que consolida os graves recortes introducidos en 2011 e 2013, afonda na privatización do sistema público e abre a vía a máis recortes no curto prazo".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que a aprobación deste Real Decreto polo Goberno autodenominado "máis progresista" supón "a continuación das políticas de recortes do sistema público de pensións iniciadas no seu día por José Luis Rodríguez Zapatero (cuxa reforma de 2011 atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos) e ampliadas coa reforma de Mariano Raxoi de 2013". 

"Esta reforma suma, xunto coa non derrogación da reforma laboral e da lei mordaza, incumprimentos graves do que os movementos sociais e o mundo sindical viñan reivindicando e que o propio Executivo de coalición se comprometera a levar adiante no acordo de investidura", valorou o secretario xeral da central sindical nacionalista.

Neste senso, Carril lamentou que UXT e CCOO sigan instalados na "renuncia a todo" e avalando este tipo de medidas, en vez de tomar o exemplo de Francia "á hora de confrontar os recortes e as políticas neoliberais impostas pola Unión Europea (UE) e tan obedientemente executada polos gobernos". 

"Os recortes seguen aí a pesar da propaganda"

O líder da CIG salientou que "por moito que exaxeren a propaganda e a ocultación, esta reforma contén recortes, pois tras un período transitorio, o período de cálculo das contías das novas pensións incrementarase dos 25 anos aos 29 anos (eliminando 24 meses)". 

"O propio Banco de España ten calculado que cada ano de aumento no período de cálculo significaría un 0,5% de redución da pensións", lembrou ao respecto o representante da organización obreira nacionalista.

O secretario xeral do sindicato reclamou "a recuperación da xubilación aos 65 anos, que se teñan en conta 15 anos para calcular a pensión e que se aprobe por lei de forma inmediata unha pensión mínima de 1.260 euros, que é aproximadamente o importe equivalente á taxa de 60% do salario medio, tal como recomenda a Carta Social Europea".

Comentarios