Opinión

O fío das pensións

[Alberte Mera]

O Congreso español vota hoxe a reforma das pensións proposta polo Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos. A proposta, a pesar de ser mellor que a inicialmente enunciada polo ministro Escrivá, está dirixida a cumprir as exixencias de Bruxelas para acceder aos fondos Next Generation evitando introducir mudanzas que revertan retrocesos acometidos nas anteriores reformas de 2011 e 2013.

Ademais, aparecen novos recortes, como é o feito de minguar as pensións que van cobrar as persoas menores de 50, ao se pasar a calcular a contía das novas prestacións en base aos últimos 29 anos traballados e non 25. Unha mudanza que chega após a de 2011 de Zapatero, acometida en plena Gran Recesión, cando se pasou a idade de xubilación dos 65 a 67 anos, e de ter en conta 15 anos para o cálculo da pensión a 25 anos. E agora, en vez de voltar aos 15, recuperando vitorias sociais perdidas, pásase dos 25 aos 29. 

En Francia arden as rúas por atrasarse a idade de xubilación dos 62 aos 64 anos. No Estado a idade de xubilación está nos 67. Hai leis, como a reforma das pensións, que ao seren anunciadas soan terríbeis para as traballadoras e traballadores, e posteriormente, ao seren suavizadas, pareceren avanzos sociais. Con todo, é importante calcular os avanzos e retrocesos en función do que está en vigor ou estaba até hai pouco, e non en función dos anuncios. 

Comentarios