O sindicalismo galego, vasco e catalán suma forzas para protestar contra a reforma das pensións

A CIG convoca mobilizacións esta cuarta feira nas cidades galegas.
Os líderes dos tres sindicatos ofreceron de forma telemática unha rolda de prensa conxunta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os líderes dos tres sindicatos ofreceron de forma telemática unha rolda de prensa conxunta. (Foto: Nós Diario)

Os sindicatos ELA (Euskal Herria), CIG (Galiza) e Intersindical (Catalunya) convocaron esta terza feira senllas manifestacións conxuntas nos seus respectivos países, entre o 29 de marzo e o 20 de abril, para mostrar o seu rexeitamento á reforma das pensións e denunciar que supón un "recorte" de dereitos sociais. Os secretarios xerais das tres centrais sindicais, Mitxel Lakuntza (ELA), Paulo Carril (CIG) e Sergi Perelló (Intersindical), anunciaron estas mobilizacións nunha rolda de prensa telemática na que tamén exixiron aos partidos políticos dos seus respectivos ámbitos que rexeiten estes recortes e non dean por boa unha reforma que non inclúa a xubilación aos 65 anos, que se teñan en conta 15 anos para calcular a pensión e a aprobación "inmediata" dunha pensión mínima de 1.260 euros, importe equivalente aproximado a 60% do salario medio, tal como recomenda a Carta Social Europea.

Os tres sindicatos acordaron un comunicado conxunto que recolle sete puntos arredor desta lectura crítica da reforma de pensións, aprobada polo Goberno español por real decreto-lei. En primeiro lugar, rexéitana por "consolidar os recortes de 2011 e dar novos pasos nesa mesma dirección". Ademais, desde o seu punto de vista, "si contén recortes e pretende construír un discurso hexemónico" ao afirmarse, en primeiro lugar, que non contén recortes, algo que eles consideran "falso".

Desde a súa lectura, recórtanse as pensións que van cobrar os traballadores menores de 50 anos, ao pasar de calcularse a contía das novas pensións cos últimos 25 anos a facelo con 29 —eliminando 24 meses—, tras un período transitorio. Tal e como defendeu Lakuntza, "negar este recorte é faltar á verdade" porque, proseguiu, hai que ter en conta que esta medida supón "profundar nun proceso de aumento progresivo do número de anos que se teñen en conta, no que os 29 anos non é o escenario final, do mesmo modo que non o son os 25 actuais nin os 15 que existían en 2011 ou os 8 anteriores".

Recortes "a curto prazo"

En segundo lugar, as tres centrais sindicais entenden que a reforma "abre a vía a recortes no curto prazo", algo que vai ligado a outra das "grandes mentiras" difundidas, no sentido de que se vai garantir o sistema a longo prazo. A realidade, criticaron, é que o acordado mostra que en marzo de 2025, e logo cada 3 anos, dáse a potestade á Airef, "axencia neoliberal" que presidiu no seu día o propio ministro José Luis Escrivá, para "valorar a situación do sistema de pensións e expor máis medidas que, sen dúbida, van ser a base de recortes futuros".

A continuación tomou a palabra Paulo Carril, quen criticou que esta reforma non dá marcha atrás con ningunha das medidas que se aprobaron no seu día na reforma de 2011 que levou a cabo o Goberno de Rodríguez Zapatero co visto e prace de CEOE, UXT e CCOO. Naquel acordo, lembrou o secretario xeral da CIG, apostouse por un "forte recorte das pensións" ao pasar a idade de xubilación de 65 a 67 anos; terse en conta 25 anos para o cálculo da pensión en lugar de 15 e facer o posíbel por prexudicar as xubilacións anticipadas.

A xuízo de Carril, "a un goberno progresista débeselle exixir dar marcha atrás nos recortes de dereitos aprobados por gobernos anteriores pero, en cambio, nada diso exponse nesta reforma" onde "a idade de xubilación non se toca e a anticipada empeorouse na reforma de 2021". Aliás, remarcou, "non só non se volve de 25 a 15 anos para calcular a pensión, senón que se pasa de 25 a 29 anos".

Limiar de pobreza

Dentro da súa lectura crítica compartida, o líder sindical galego explicou que nesta reforma as pensións mínimas seguen estando por baixo do limiar da pobreza, algo que non se explica porque "a propaganda está a substituír á realidade" neste aspecto. Malia que "é certo", dixo, que se acordou unha mellora progresiva durante catro anos, "é evidente que esta mellora é moi pequena, e que apenas se vai a notar nestes catro anos". Ademais, aínda que marcaron nos medios de comunicación a referencia dos 1.200 euros, "fáltase absolutamente á verdade, xa que moitas pensións mínimas estarían, de aplicarse os criterios acordados para 2027, por baixo dos 900 euros, e mesmo por baixo dos 800" estimou.

Outro dos seus aspectos regresivos é que, con esta reforma, "perpetúase" a actual fenda de xénero e as medidas incluídas para reducir a diferenza existente entre as pensións de mulleres e homes son "apenas imperceptíbeis". Neste punto interveu o secretario xeral de Intersindical, Sergi Perelló, quen apuntou ao papel xogado pola UE na reforma. Tal e como explicou, esta reforma laboral está "tutelada" pola Comisión Europea, "órgano non elixido democraticamente" que avalou a reforma do sistema de pensións tras fixala como condición previa para que o Estado español recibise o terceiro desembolso de 9.000 millóns de euros en concepto de subvencións vinculadas ao fondo Next Generation para o trienio 2021-2023.

Perelló criticou, nesta liña, que a reforma do sistema público de pensións "non deriva dun debate democrático aberto a todos os axentes sociais", senón que se aproba a través dun decreto lei e é froito de "a extorsión do órgano de goberno da Unión Europea". Finalmente, os tres sindicatos cualifican de "regresiva" a reforma porque "profunda na privatización do sistema público e enmárcase nunha formulación no que se están impulsando os plans privados de pensións, que consisten na promoción, mediante a negociación colectiva, de plans de pensións privados en cada sector, xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras, e que pretenden utilizarse para avanzar na estatalización da negociación colectiva".

Neste punto, o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza, foi cuestionado a respecto da súa visión sobre a proposta de reforma fiscal que estuda Euskadi para o tratamento destes plans a nivel do seu país, para promover maiores incentivos no IRPF e o Imposto de Sociedades, favorecendo a cobranza en forma de renda. Lakuntza asegurou que o primeiro que hai que ter en conta é que se trata de dúas cuestións distintas, por unha parte o que busca o modelo español, "antagónico" do vasco, afirmou, e, por outro, a posibilidade dunha reforma fiscal no tratamento destes plans a nivel de Euskadi, algo que, asegurou, "non o veriamos mal".

O que hai que denunciar, proseguiu, é que "a reforma do Goberno de España ten como obxectivo que as entidades financeiras acaben facendo negocio con estes plans", para seguir "profundando" na estatalización da negociación colectiva. Para levalo a cabo, apostan por facelo mediante os convenios estatais e que sexan os que o xestionen a nivel español; de aí, remarcou "o risco que vemos, que é que haxa unha invasión por parte dese modelo ao que existe en Euskadi".

A axenda de mobilizacións arrinca esta cuarta feira, 29 de marzo, na Galiza, con concentracións nas sete cidades galegas, e continuarán o 30 de marzo cunha concentración en Barcelona ao mediodía ante a sede central do SEPE na capital catalá. Tomarán o relevo en abril Euskadi e Nafarroa, con senllas manifestacións en Bilbao, o día 4, e en Iruña, o 20, todas elas por unhas pensións "dignas".

Comentarios