CCOO e UXT demandan "garantir o poder adquisitivo" coa suba de salarios

Máis de mil persoas manifestáronse na Coruña na mobilización convocada por CCOO e UXT. Ambos destacan a importancia da nova reforma laboral e lanzan críticas contra a CEOE.

Manifestación de CCOO e UXT na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación de CCOO e UXT na Coruña (Foto: Nós Diario).

A manifestación con motivo do 1 de maio convocada polos sindicatos CCOO e UXT tivo lugar na Coruña nunha marcha pola Avenida Linares Rivas desde a Praza da Palloza até a Praza de Ourense. Neste percorrido corearon consignas como "que viva a  loita dá clase  obreira", “é a criminal, a patronal” ou “aquí está, aquí vese, a  mocidade obreira en pé”.

Minutos antes do inicio, a secretaria xeral de Comisións Obreiras na Galiza, Amelia Pérez, defendeu que o factor traballo "segue transformando a vida da xente" e, por tanto, debe poñerse "no centro das políticas".

Para ela, estas políticas deben buscar a suba de salarios, a contención de prezos, algo "imprescindíbel” xungo con máis igualdade e cohesión social. "A desigualdade é o maior disolvente da democracia", remarcou respecto diso.

Tal e como detallou, é necesario subir salarios "porque na situación na que está a clase traballadora non pode volver pagar os pratos rotos . Con todo, sinalou algúns puntos fortes dos últimos anos como o incremento dos dous últimos anos do salario mínimo interprofesional ou a reforma laboral, "que xa dá os seus resultados en materia de contratación".

Pérez tamén se mostrou moi crítica coa patronal, á que afeou a súa "intransixencia" en canto a " garantir o poder adquisitivo nos convenios" e co Partido Popular. "Non podemos seguir nunha situación de interinidade, as familias deste país non poden esperar polos tempos do PP".

Polo seu lado, o líder do outro sindicato convocante, UXT, José Antonio Gómez, expresouse nos mesmos termos. Así, demandou á CEOE "que os beneficios empresariais revertan na clase traballadora" e insisitiu en que "non pode ser que se neguen a incluír cláusulas de revisión salarial nos convenios cando os prezos soben un 10%".

Gómez tamén solicitou aos gobernos "as axudas públicas necesarias", cun control de prezos, a subida de salarios e políticas de igualdade. "Hai máis de 500.000 persoas na Galiza que reciben menos de 1.000 euros", lembrou.

O líder sindical lamentou ademais o contexto no que se celebra este 1 de maio. "Todos pensabamos que iamos falar de recuperación económica mais coa desgraza da guerra de Ucraína, a subida da inflación, cambiou todo o escenario económico", comentou, tras o que quixo tamén mostrar "toda a solidariedade" cos pobos que sofren guerras e opresión, "concretamente cos ucraínos".

Representación poítica

Na manifestación tamén participaron algúns dos líderes políticos, como a vicesecretaria xeral do PSdeG e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que mostrou a "preocupación" do partido por "os dereitos que se van vendo mermados".

Por iso, pide seguir "consolidando dereitos laborais" e "reivindicado o traballo en maiúsculas"; "a mellor capacidade para crecemento da Galiza e o Estado español".

Méndez mostrouse especialmente crítica co partido popular e co presidente en funcións da Xunta, Núñez Feixoo, ao que acusou de deixar a Galiza "coa maior taxa de desemprego en 13 anos, cunha perda de 100.000 postos de traballo; o PIB un 5% por baixo da media e con 1.800 euros menos por persoa a nivel per  cápita".

Tamén o secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino, chamou a continuar á mobilización e á loita para "consolidar" os "avances" conseguidos até o momento. "Levamos dous anos moi difíciles, coa guerra e a pandemia, e a pesar diso avanzouse no marco xeral dos dereitos dos traballadores", defendeu.

"Temos moitas tarefas pendentes, sobre todo nesta comarca, cunha crise industrial a liquidar", lembrou Gómez Reino, que a pesar disto puxo en valor a reforma laboral actual, "a primeira en 40 anos que defendeu e puxo por diante os dereitos dos traballadores, en termos de combater a temporalidade e a precariedade".

Comentarios