Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza

"É verdade que non é o camiño da derrogación, mais estamos contentos"

Amelia Pérez (CCOO) analiza para Nós Diario o acordo da reforma laboral que chega agora á Cámara Baixa para a súa aprobación definitiva. O sindicato que dirixe na Galiza foi, xunto con UXT, o que apoiou o texto xunto á patronal e o Goberno español. 
Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza (Foto: CCOO).
photo_camera Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza (Foto: CCOO).

—Que supón para os traballadores e traballadoras galegas o acordo de reforma laboral que chega agora ao Congreso?

É unha reforma de calado que ten unha afectación sobre todo a cuestións que levabamos reclamando moito tempo, como é o comportamento da temporalidade. Co tempo  irase albiscando a súa transcendencia. 

—Aínda que incide na temporalidade e precariedade, non é a derrogación das reformas do PP, como se falaba nun principio.

É verdade que non é o camiño da derrogación, pero na situación na que estamos hoxe, cos cambios de paradigma e sobre todo con ese mercado de traballo que levabamos denunciando desde hai tanto tempo altamente precarizado, estamos contentos. E non é só a temporalidade. Tamén está a supresión da prevalencia do convenio de empresa en materia salarial, que fixo que a partir desa reforma de 2012 se desvalorizasen os salarios. Son dous puntos de inflexión importantísimos. Ter estabilidade no traballo, non estar entrando e saíndo da empresa sen ningún tipo de dereito de continuidade, facer un proxecto de vida e de futuro e ter salarios dignos incide directamente sobre calquera outro ámbito laboral.

—Falaba dos convenios, o feito de que se primen os estatais non resta competencias á Galiza?

Ao final o importante para conquistar melloras no eido sindical é o teu músculo, a túa forza. Aos traballadores e traballadoras o que lles preocupa é a mellora das súas condicións laborais e salariais, e para iso o que precisas é ter unha organización de clase forte. Necesitamos convenios fortes que amparen a situación dos traballadores e as traballadoras nas empresas, e para iso é importante o músculo sindical.

—Un dos obxectivos da reforma é a estabilidade laboral, que a xente teña un proxecto de vida e non teña que emigrar. Cre que a reforma vai posibilitar iso? 

Eu creo que si, pero tamén son consciente de que non vai ser da noite para a mañá. Haberá un proceso de transición, pero hai sectores que están altamente precarizados nos que só evitar que o traballador estea entrando e saíndo da empresa xa vai ser moi importante, sobre todo porque había unha bolsa de fraude bastante grande. Estase acudindo a este modelo para contratar traballo ordinario. Acabou esa barra libre e veremos co paso do tempo ese resultado. Non podemos queixarnos eternamente da temporalidade e da alta taxa de rotación do mercado de traballo e, cando temos a oportunidade de actuar sobre el, dicir que non.

-A Inspección de Traballo será, pois, unha peza chave no cumprimento destes acordos. 

Evidentemente, porque ao final a picaresca existe. Sempre vas atopar empresas que intentan terxiversar a norma ou buscar fisuras para transgredila. O feito de pór coto a esas causas na contratación temporal xa vai ser un golpe imporante para empresas e sectores altamente precarizados. 

Coa reforma, que prima o interese xeral, eliminamos os contratos de obra e introducimos mecanismos de flexibilidade para que, ante unha situación de crise, non se acuda aos despedimentos. Hai que avanzar paso a paso, pero o importante é que pon coto á temporalidade e actúa sobre os convenios en materia salarial, algo que para min é primordial.

Comentarios