As mulleres galegas seguen a cobrar de media 5.000 euros menos que os homes

CCOO e UXT instan as empresas a cumprir os plans de igualdade.
Mamen Sabio e Amelia Pérez durante a presentación do informe de CCOO (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mamen Sabio e Amelia Pérez durante a presentación do informe de CCOO (Foto: Nós Diario).

Hoxe, Día Internacional da Igualdade Salarial, a fenda existente entre o que cobran homes e mulleres na Galiza segue por riba de 20%. En concreto, segundo revelan os datos dun informe presentado onte por CCOO, sitúase en 21,7%.

Isto tradúcese en que as mulleres cobran de media uns 5.000 euros anuais menos que os homes que desenvolven o mesmo traballo, de aí que os sindicatos insistan na necesidade de artellar políticas para reducir esta fenda. 

O problema, explica Mamen Sabio, secretaria de Igualdade de CCOO, é que estas diferenzas reflíctense despois nas pensións, xa que son as mulleres as que teñen máis contratos temporais e parciais e as que se acollen a plans de conciliación e flexibilidade. "Hai case 100.000 mulleres máis cobrando pensións, mais a fenda é de 34,5%", denunciou Sabio.

Na mesma liña, a través dun comunicado, UXT incidiu en que a causa desta fenda ten que ver coa contratación que teñen as mulleres, con "máis parcialidade involuntaria, con carreiras profesionais menos estábeis por ter que asumir conciliación e por ter unha maior representación en sectores máis precarizados", abundan desde o sindicato.

A pesar disto, UXT resalta un dato positivo: a fenda salarial na Galiza "baixou dous puntos en relación ao ano anterior e é a máis baixa do últimos dez anos", en parte, din, grazas ás subas do salario mínimo interprofesional (SMI) desde decembro de 2018.

Plans de igualdade

Ambos os sindicatos tamén coinciden en sinalar a necesidade de que as empresas cumpran cos plans de igualdade. Así, UXT esixiu unha "maior acción" da Inspección de Traballo para que as empresas cumpran cos rexistros retributivos e poidan pór en marcha uns plans "imprescindíbeis"para acabar coa discriminación cara as mulleres.

Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, demandou das empresas o cumprimento "cos plans de igualdade e co principio de transparencia". Insistiu tamén en que o que non debe deixar lugar a dúbidas é que "a mesmo traballo, igual salario".

Por último, tanto UXT como CCOO defenderon a reforma laboral apoiada en Madrid polos sindicatos nacionais como"un avance" na aplicación da perspectiva de xénero nas políticas laborais, sobre todo "no que ten que ver coa temporalidade". Na súa opinión, constitúe un "aliado" para tratar de frear a fenda salarial entre homes e mulleres e confían en ver pronto os seus resultados no mercado laboral.

Comentarios