CCOO e UXT reivindican que o Goberno "cumpra" co persoal traballador

Entre as súas demandas figuran "retomar os compromisos cos sindicatos e a cidadanía" ademais da derrogación das reformas laborais e das pensións. 
Marcha de UXT e CCOO en Vigo durante o 1 de maio de 2021 [Imaxe: Marta Vázquez / Europa Press].
photo_camera Marcha de UXT e CCOO en Vigo durante o 1 de maio de 2021 [Imaxe: Marta Vázquez / Europa Press].

As rúas da Galiza volveron ser protagonistas este 1 de maio das mobilizacións sindicais en forma de manifestacións nas principais cidades e vilas galegas. 

Os sindicatos CCOO e UXT mobilizáronse conxuntamente este 1 de maio, nesta ocasión coa idea de reivindicar que "agora toca cumprir" ao Goberno español coa clase traballadora galega. 

Entre as súas demandas figuraron "retomar os compromisos cos sindicatos e a cidadanía" ademais da derrogación das reformas laborais e das pensións

As manifestacións, unha decena, mais cunha mobilización central desde as 11.30 horas no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, tiveron lugar en todas as cidades galegas con horarios que variaron entre as 11.30 e as 12.30 horas. 

Así, pasadas as 11.30 horas púxose en marcha a manifestación convodada por CCOO e UXT, cunha afluencia de preto dun milleiro de persoas (580 segundo a Policía Local), e na que participaron os responsábeis galegos de ambas as organizacións, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez. 

Durante a marcha que decorreu en Vigo, traballadoras e traballadores do metal irromperon na manifestación acusando estas formacións de "traizón sindical" polo convenio no sector.

En comparecencia ante os medios de comunicación, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, avogou pola necesidade de "recuperar a presenza nas rúas" por parte da clase traballadora, nun punto no que "se está aproximando un momento crucial" para a saída da crise. Así, citou casos como o do sector financeiro, o da limpeza e o da conserva, para advertir de que o "esforzo da clase traballadora non merece estas formulacións do capital e das plataformas empresariais". 

Durante o acto, Sarmiento declarou que "estamos comprometidos para facer deste duro episodio [en referencia á crise sanitaria] unha oportunidade para a clase traballadora. Hai que facer reformas atendendo ás demandas da maioría social", proclamou, e engadiu que este 1 de maio "é un día de expresión de dignidade".

Urxen a modificación da reforma laboral

Ao Goberno estatal, "máis aló do discurso", urxiulle a tomar "decisións concretas" ao ver “necesaria” a modificación “xa” da reforma laboral.

No tocante á Xunta da Galiza, Sarmiento solicitou que o terceiro plan de rescate fronte á crise da Covid-19 incorpore a cláusula de salvagarda do emprego "se queren contar" coa participación das organizacións integradas na mesa do diálogo social (UXT e CCOO).

Por outra banda, o responsábel de UXT, José Antonio Gómez, cualificou de "imprescindíbel" a derrogación das reformas laboral e das pensións, así como a subida do salario mínimo interprofesional. Neste sentido, Gómez sinalou a necesidade de "reforzar os servizos públicos", especialmente aqueles que serviron para coidar as persoas na pandemia, como os sociosanitarios, que xa arrastraban unha gran "deterioración" logo da crise de 2008. Para o que será necesario, segundo indicou, reformar as politíticas impositivas, para "que paguen máis os que máis teñen", así como "combater a fraude e a evasión fiscal".

Precisamos  "reforzar os servizos públicos", dixo José Antonio Gómez, desde UXT

Así mesmo, lamentou que "se está ouvindo falar de baixar impostos e esa conta non dá", á vez que interpretou que os fondos europeos Next Generation "son unha esperanza, unha oportunidade, mais bótase en falta que neses pseudoproxectos non se fale para nada de emprego". Por todo iso, finalizou, é "o momento de volver tomar as rúas".
 

Comentarios