Festival de Benidorm

UXT desmárcase de CCOO e pide "apoiar sen fisuras" a Chanel en Eurovisión

Proseguen as declaracións de sindicatos e formacións políticas arredor do Benidorm Fest. Despois de Galicia en Común, BNG, CCOO e mesmo PP, a Unión Xeral de Traballadores é a última en posicionarse a este respecto.
Tanxugueiras posando en Benidorm esta sexta feira (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
photo_camera Tanxugueiras posando en Benidorm esta sexta feira (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) destacou nun comunicado o "rotundo éxito" que supuxo o Benidorm Fest, alabou o traballo de RTVE, e pediu o "apoio sen fisuras" para a gañadora do certame musical, Chanel, que acudirá como representante do Estado español á gala de Eurovisión que decorrerá en Turín.

Deste xeito, o sindicato desmarcouse da sección sindical de CCOO en RTVE, que pediu "deixar sen efecto" a resolución do Benidorm Fest mentres se investigan as "presuntas irregularidades" que se terían cometido por parte dos membros do xurado profesional e da propia dirección do ente público.

Noutro comunicado, CCOO asegurou que "as distintas direccións implicadas deben aclarar, de maneira urxente, como e quen seleccionou ao xurado do Benidorm Fest. Coa mesma urxencia RTVE debe facer públicas as actas das votacións e as incidencias rexistradas, todas no seu conxunto. RTVE debe aclarar urxentemente as relacións entre membros do xurado e a cantante Chanel Terrero. Debe quedar claro se hai conflito de intereses, debe quedar claro o sentido do voto das persoas que, no xurado, teñen ou tiveron relación coa cantante gañadora do festival".

Pola súa banda, UXT afirmou que RTVE conseguiu crear unha marca que será "selo de identidade para a selección da canción do Estado español en Eurovisión". "Os cambios realizados foron máis que sobresaíntes e o traballo encomiábel".

Comunicado de RTVE

O sindicato tamén mostrou o seu apoio ao comunicado que Radio Televisión Española publicou na tarde do domingo e que chama a "abrir un diálogo participativo para mellorar, de cara ás próximas edicións, todo o proceso".

Para UXT, o comunicado publicado por RTVE mostra o "interese porque sexa un festival no que todos e todas nos sintamos incluídos, representados e representadas e que se mellore ano tras ano coa participación social".

No seu escrito, o sindicato acusa a aqueles que están a criticar as irregularidades que terían ocorrido no Benidorm Fest de "pretender facer cada vez máis residual" á Corporación. "Non esquezamos que moitas das polémicas e os debates que poñen no disparadeiro a RTVE son interesados para desgastar a marca", conclúe UXT.

Comentarios