#Sermos221: a muller que espiaba Castelao

Os servizos secretos norteamericanos vixiaron o de Rianxo a través dunha tradutora de español e portugués en Wall Street. Non é o único que contamos neste número: 140 anos da primeira publicidade en galego, entrevistamos Eva Solla e Guadi Galego, análise sobre o oligopolio eléctrico... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

O pasado 5 de novembro fixéronse 140 anos da primeira publicidade impresa en galego. Foi no xornal ourensán O Tío Marcos d’A Portela coa publicación dun anuncio dunha compañía estranxeira, a coñecida empresa de máquinas de coser Singer. “Fixarse ben pra non ser enganados”, advertía a campaña, que abriu o camiño para que a publicidade en galego comezara a estar presente. Desde entón, como evoluíu a publicidade en galego? Cal é hoxe a súa situación? Contámoscho en 'O galego vende'.

Castelao, nacionalismo e espionaxe teñen como nexo común María Docampo, unha muller nada en Oleiros que pertenceu aos servizos secretos dos EUA. A tradutora, moi próxima a Castelao e a súa dona Virxinia, vixiou o de Rianxo na súa estancia en Nova Iorque. A espía faleceu en Arillo (Oleiros), en 1948, asasinada pola súa parella, Xosé García Peña. 'María Docampo, unha espía para Castelao'.

sg222En 'Sogama: un vertedoiro para soterralos todos?' Fins Eirexas fala dunha infraestrutura que se tornou un problema. Ante a ameaza de novos vertedoiros, regresamos a 1996 e recuperamos os inicios de Sogama, que se atopa ao límite da súa capacidade e ao bordo do colapso. As metástases do vertedoiro de Cerceda ameazan hoxe o país con novas instalacións en diferentes puntos.

'Dúbidas e incerteza arredor das reválidas'. O 27 de outubro Rajoy anunciou que deixaba en suspenso e sen efectos académicos as reválidas de ESO e bacharelato, quedando vixentes as probas para acceder á Universidade. O decreto final sairá o vindeiro 30 de novembro.

“Non necesitamos outra estrutura de partido orgánico”

Entrevistamos Eva Solla. Aos seus 32 anos, é a vicepresidenta segunda do Parlamento galego. É unha das voces a ter moi en conta no mundo de En Marea, na súa condición de secretaria xeral do PCG e dirixente de Esquerda Unida. Fala con clareza sobre o que pensa que debe acabar sendo En Marea: non un partido convencional, senón unha estrutura ampla, un “catalizador” das marés municipais e dos movimentos sociais. “É imprescindíbel que a xente se vexa representada nas iniciativas que se trasladen e nos debates que teñamos”.

O Feijóo dos recortes podería dar paso ao Feijóo expansivo, de acreditarmos no discurso co que o político de Os Peares se apresentou na sesión de investidura. Afirma que en 2017 elevará en 270 millóns de euros o teito de gasto. 'Feijóo descobre o keynesianismo'.

Internacional

Non houbo sorpresa nas eleccións do domingo e o sandinismo logrou unha ampla vitoria que lle asegura a Presidencia do país e a maioría na Asemblea Nacional. Un triunfo que chega nun contexto no que se cuestionan algunhas das políticas e alianzas impulsadas por Daniel Ortega e Rosario Murillo. 'A Frente Sandinista mantense no poder en Nicaragua'.

'Os EUA apostan na incerteza para que nada mude' Malia empatar en votos, arredor de 60 millóns, e ser superado nun 0,2%, o magnate Donald Trump derrotou a candidata demócrata, Hillary Clinton e impúxose en 28 dos 50 Estados. Obtivo 290 votos electorais fronte 228, vinte máis dos necesarios para resultar elixido presidente. A súa vitoria abre grandes interrogantes a respeito de cal vai ser a súa política real á fronte da maior potencia mundial.

O CETA, o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Canadá está a piques de se facer efectivo, inda que for de maneira provisoria. O groso do acordo asinado pola Comisión Europea e o goberno canadense entrará en vigor en canto o Parlamento Europeo o ratifique. Farao de maneira provisional e inda será posíbel a súa derrota, se só un dos 38 parlamentos estatais ou rexionais que deben ratificalo non o fai. 'O CETA xa está aquí'.

No 1997 comezou a liberalización do sector enerxético, que deixou de ser servizo público. Xustificouse con apelacións á mellora na eficiencia e nos prezos para o consumidor, mais non aconteceu nin un nin outro. O que si houbo foi unha arquitectura lexislativa que garantiu ás eléctricas inxentes beneficios. Un oligopolio mimado polo poder político. As grandes eléctricas gañaron entre 2008 e 2015 máis de 56.650 millóns de euros. Nese período o recibo da luz subiu un 54%. Contámoscho en 'O oligopolio mimado'. En análise, a última entrega da perspectiva internacional da economía galega.

“A vida foime levando sempre por onde eu quixen”

Xa está aquí a Guadi máis madura que continúa a transitar por uns vieiros que xa no seu disco anterior a levaron aos territorios do pop. Logo do éxito daquel Lúas de outubro e agosto`' que tan boa acollida recibiu, regresa con O mundo está parado, un traballo con sonoridades máis complexas, que requiren máis escoitas e que agochan mensaxes para os ouvintes máis atentos Entrevistámola neste número. “O mundo está parado' para min é unha reflexión sobre a incoherencia vital, non só como individuo senón como colectividade”.

Non falta neste número 'Fóra de Serie', con novidades, consellos e recomendacións. En 'andar e ver' o colectivo Xea proponnos percorrer o Río Sor desde monte da Insua. Felipe Senén cóntanos do samaín e dos magostos. Na contra-capa, a homenaxe e lembranza á afouteza dos 200 mineiros de San Fins (Lousame) e no selfie.entrevista, Quique Peón, coreógrafo e integrante de Radio Cos.

Múltiples voces

Contamos coas achegas de Mario Regueira na crítica literaria e Andrés Castro e Olaia Ledo na de cinema. Coas plumas de Xavier Queipo e Pilar García Negro. Coas reflexións e apontamentos de Pepe Barro e Alberto Ansede, Susana Sánchez Aríns debúllanos o seu libro 'Sei o que'.  

Máis en Só en papel
Comentarios