#sermos222: o home que puxo rock á Galiza imaxinaria

 Despedimos Narf, entrevistamos Margarida Ledo, directora de A Nosa Terra entre 1977 e 1980; explicamos por que o cambio climático está aquí, debullamos o cooperativismo en Galiza... Todo isto e moito máis, neste número, que xa podes conseguir na nosa loxa.

Todas as evidencias científicas apuntan nunha mesma dirección: a mudanza do clima está aquí e avanza moito máis rápido do que se pensaba hai un par de décadas. A comunidade de negacionistas tense reducido nos últimos tempos, mais hai quen aínda segue a ver nel un fenómeno eminentemente “natural”, propio do planeta. Unha cuestión que tratamos en 'Cambio climático: xa está aquí e é imparábel'. “É que hai evidencias do cambio climático refutábeis? Eu non as coñezo”, dinos Juan Antonio Añel, investigador da Uvigo.

SG222Ao seu regreso do exilio en Portugal, a xornalista Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) ideou e dirixiu o semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1980. Autora de investigacións sobre a prensa galega, foi profesora da Universitat Autónoma de Barcelona e, na actualidade, é catedrática de Comunicación Audiovisual na USC. Con motivo da edición do facsímil do primeiro número de A Nosa Terra que acompaña o Sermos Galiza 222, conversamos con ela. “A Nosa Terra foi o gran proxecto para Galiza enteira”.

'Lembrar para reparar. Coñecer para respectar'. A Deputación de Pontevedra homenaxeou os cargos públicos e funcionariado represaliado no 36. O 12 de novembro de 1936 na estrada de Campañó, Poio, foron fusiladas 10 persoas por defender a democracia e a República e por opoñerse ao golpe fascista de xullo dese mesmo ano. Entre as persoas asasinadas atopábanse dous ex presidentes e varios funcionarios da Deputación de Pontevedra.

'41 anos con Franco', de Manuel Monge. “ Si, o título do artigo está ben porque, despois de morto o 20 de novembro de 1975, levamos 41 anos con Franco (80 despois da sublevación fascista de 1936). Se alguén pensaba que despois da desaparición do ditador estariamos sen Franco, estaba equivocado”.

O instinto conservador de Feijóo

O autogoberno que temos –Estatuto de Autonomía de 1981– é suficiente. O goberno da Xunta tampouco precisa de ningún relevo. Así pensa Feijóo, ao rebufo do conservadurismo conxénito do seu chefe Rajoy. Feijóo surfea a onda do suceso e non ve rival na oposición. Benvid@s á nova lexislatura. 'O instinto conservador de Feijóo'.

O goberno heleno enfronta unha nova revisión do plan de resgate, que incluirá novas exixencias de recortes. A estratexia de Syriza pasa por aplicar as medidas que se lle impoñan desde Bruxelas, a cambio de revisar anticipadamente a débeda grega e poder reestruturala. 'Tsipras axeita un goberno máis amábel para a Troika'.

'Hai alternativa ao euro?' Intensifícase o debate social sobre as opcións para abandonar a divisa. As consecuencias da moeda única non se traduciron en maior converxencia e supuxeron afondar na división centro-periferia no seo da UE. Coa crise a posibilidade de abandonar o euro deixou de ser un tabú e comezan a debullarse a serio as alternativas para facelo.

O tecido cooperativista aumentou e fortaleceu na Galiza durante os anos de crise. Máis de 91.000 galegos e galegas son socias dunha cooperativa. 'Cooperativismo, superar a crise a contracorrente'. E en análise, unha mirada sobre a fronte marítimo-portuaria.

Adeus a un músico xenial aínda por descubrir

Morreu Fran Pérez, o artista humilde e xenial que transitaba polas marxes, sen querer facer ruído, pero que deixa un amplo legado para quen queira procurar alén do ‘mainstream’. Jabier Muguruza, Uxía, Vítor Belho, Branca Cedán, ou Carlos Santiago, entre outros, falan para Sermos Galiza sobre un artista maiúsculo.

Non falta a sección 'Fóra de serie', con consellos e achegas. Nin 'andar e ver', que desta volta lévanos ao outono, tempo e lugar para amantes das cores.

Carme Vidal fálanos de Maruja Mallo. As cores poboan a obra da artista. Ao longo da súa biografía, escolleu vermellos, azuis, verdes ou laranxas intensas non só para a súa obra senón tamén para a propia vida, coloreada por medio da roupa e a maquillaxe. O 2017 Maruxa Mallo será a protagonista do Día das Artes Galegas por decisión da Academia Galega de Belas Artes e, para completar o abano, decidimos poñer o foco na súa cor menos visitada, a da memoria, que conservou durante toda a súa vida e coa que quería recuperar os nomes do exilio e a represión.

Na contra-capa. A Eira da Xoana e na selfie-entrevista a actriz Marta Lado. E, como non, as colaboracións. Luz Darriba e Manuel Veiga, a crítica literaria de Mario Regueira, a de cinema de Andrés Castro, Manuel Xestoso e o Teatro, Mónica Pazos, Francisco Rodríguez fálanos de Blanco Amor...


 

Máis en Só en papel
Comentarios