#Sermos215: Feijóo e a Galiza satisfeita

Analizamos o resultado e as consecuencias do 25S, achegámonos ao gran saqueo da banca, preguntámonos pola seguridade das rotas marítimas fronte ás nosas costas, entrevistamos Goretti Sanmartín e a guionista de 'Migas de Pan', Manane Rodríguez... Todo isto, e máis xa na nosa loxa.

A Galiza satisfeita, a que non vía razóns sólidas para mudar de goberno, levou Feijóo a se impor esmagadoramente o 25S. Un de cada dous votantes optou pola continuidade. No campo da oposición, só o BNG superou as expectativas. Que escenario fica agora de cara á lexislatura que se abre? Tratamos o tema en 'Feijóo e a Galiza satisfeita'.

'Temos rutas marítimas máis seguras?' A catástrofe do “Prestige” puxo no punto de mira as eivas en materia de seguridade marítima. Desde entón, e aínda que con certo atraso, a lexislación permitiu mellorar parcialmente algún dos aspectos vencellados á redución dos riscos do transporte marítimo, mais non o suficiente para os deixar en niveis razoábeis. Cada ano pasan pola costa galega máis de 40.000 mercantes, moitos deles con mercadorías perigosas. Podemos estar seguros e seguras?

SG215Cada vez son máis as persoas que soben á bicicleta tanto para se desprazaren polas cidades e vilas como para realizaren deporte. Porén, non é esta unha práctica exenta de riscos. Pode dicirse que a bicicleta é para valentes nunha sociedade carente de concienciación, educación, sensibilización e formación, tal e como afirman as fontes consultadas. 'Bicicletas na estrada, a vida en risco'.

Ensino e relixión.

'Ensino e relixión'. O secretario nacional da CIGEnsino, sindicato maioritario no sector, dá conta da entrada da materia de relixión no currículo escolar nun Estado laico en que as crenzas, defende, deberían competer exclusivamente ao ámbito persoal e privado e non á escola.

“Esta campaña mudou a imaxe do BNG”. Dínolo Goretti Sanmartín, directora da campaña nacionalista, coa que falamos neste número. Está feliz a directora de campaña do BNG após uns resultados que fixeron empalidecer as cociñas demoscópicas. A campaña non só se traduciu nun significativo aumento de votos a respeito das eleccións xerais, senón que impactou pola súa factura técnica. “O BNG fixo un campañón”, ouviuse estes días nos ambientes profesionais do marketing político. Goretti Sanmartín achéganos as claves do suceso.

O camiño que se ha de abrir no País Vasco, após o 25-S, está en mans do Partido Nacionalista Vasco. O PNV consolidouse como primeira forza alargando o seu número de escanos. Os de Urkullu deberán escoller entre continuidade ou abrir un novo camiño en chave soberanista. 'O PNV decide: ou continuidade ou salto adiante'.

'Palestina: violência impune' é o artigo de Oscar Valadares, activista do Comité galego de solidariedade internacionalista “Mar de Lumes”, que analisa a nova ofensiva israelense contra o povo palestino.

'A falla de consenso impide estabilizar o prezo do petróleo'. Os 14 Estados membro da OPEP manteñen esta semana un encontro informal en Arxel no que parece moi improbábel que atinxan un consenso para levar ao mercado un millón de barrís de petróleo menos ao día.

Saqueo

A banca española recibiu unha chuvia de miles de millóns de euros públicos, cos que saneou balances e colleu folgos para seguir cos seus negocios. Non tivo que devolver o recibido e as súas malas prácticas apenas tiveron castigo. Unha mostra de impunidade que non se deu noutros países. 'A banca española sempre gaña'. E en análise Edelmiro López debulla a febleza da industria láctea na Galiza, que condiciona todo o sector.

Entrevistamos Manane Rodríguez, autora do guión e directora do filme Migas de Pan, unha historia sobre a ditadura militar no Uruguai centrada nas vivencias das presas políticas. Boa parte das escenas da película, realizada por RCI Producciones e a coruñesa Xamalú Filmes, rodáronse na Galiza. O filme chegará aos nosos cinemas en decembro. “A mirade do filme é a mirada da vítima”.

Non falta Fóra de Serie con todas as súas seccións, como a de andar e ver, que desta vez lévanos, da man do colectivo Xea, até o esteiro do Landro, en Viveiro. Xan Muras tráenos unha nova entrega do seu calendario, correspondente ao mes de outubro. E na contra-capa. Achegámonos ao castelo do Pambre. No selfie-entrevista, a poeta Rosalía Fernández Rial.

Non faltan neste número os nosos colaboradores. Marilar Aleixandre con 'Historia dunha mentira (ou de varias)', Guillerme Vázquez con '25S: todo igual, todo diferente'. Antón Losada escrebe 'O primeiro día da era post-Feijóo' e Uxío-Breogán Diéguez fala sobre o I Congreso da Emigración Galega, que decorreu en 1956.

Na crítica literaria Mario Regueira debulla ' As Irmandades da Fala (1916-1931)', unha obra coordenada por Uxío B. Diéguez. Na crítica de cinema, Andrés Castro cóntanos de 'Máis aló das montañas' (Sha he gu ren), obra de Jia Zhang-ke. Manuel Xestoso fálanos de 'O teatro, a asemblea e o país' e Iago Varela lévanos polos 'Teléfonos “robustecidos” que o aguantan todo. Olaia Ledo fálanos de 'Cortocircuito', Festival Internacional de Cinema que decorre en Compostela.

Máis en Só en papel
Comentarios