#sermos169: camiño das primarias

Neste número falamos dos atrancos para estudar galego no Bierzo, de que é o partido Ciudadanos na Galiza, da necesidade de 'desautoxicarse', das primarias na folla de rota de IpU e a Marea galega, entrevistamos Pilar Cancela... Todo isto e máis, xa á venda na nosa loxa.

miniatura_capa2

É a hora das primarias. Un proceso de escolla que a Iniciativa pola Unión e o Encontro cidadán por unha marea galega asumiron desde o inicio das súas respeitivas andainas como irrenunciábel. Agora, as bases toman a palabra. Unha cuestión que debullamos en 'É tempo de decidir'.

En 'Un partido pantasma na Galiza' botamos un ollo a Ciudadanos, a formación 'de moda' mediaticamente, e a súa realidade no noso país. O delegado de Cs confirma que lles falta proxecto para Galiza e que teñen limitadas as competencias.

“Temos que poder recuperar o espíritu da transición” dinos Pilar Cancela. Conversamos coa secretaria de Organización do PsdeG-PSOE, que dá conta das liñas de acción da formación política de cara á cita electoral.

Veciñanza e comerciantes próximos ao hospital Xeral de Vigo, fechado tras a apertura do Álvaro Cunqueiro, denuncian o abandono do edificio e a falta de futuro para o barrio. Unha cuestión que debullamos en 'Unha segunda vida para o Pirulí'.

'Desautoxicarse, a guerra contra o coche'

As bicis están a se tornar, para alén dun medio de transporte, nun elemento de presión a prol de modelos de mobilidade urbana que poñan no centro as persoas e tiren os automóbiles da centralidade do urbanismo. Falamos de como rachar con esa dinámica en 'Desautoxicarse, a guerra contra o coche'.

En 'A grave problemática do mercado laboral de Galiza' o economista Aleixo Vilas explica que o bo dato de redución do desemprego que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) vén de ofrecer para Galiza non debe ser a árbore que nos impida ver a negativa evolución e os grandes problemas que aínda persisten no mercado laboral en Galiza, como comprobaremos a continuación.

Dom Pedro: “Muita gente ainda não percebeu que o tango possa ter raízes negras”

Entrevistamos Dom Pedro, cineasta de orixe angolana que se embarcou nun grande desafio: revisitar a historia do Tango. O resultado foi un filme extraordinario cun título ben evocativo de “Tango Negro. O Courrier des Afriques'. “Muita gente ainda não percebeu que o tango possa ter raízes negras”

Non falta neste número a nosa cita con 'Viaxes na Miña Terra'. Desta volta, unha camiñada arredor de Visuña. Unha ruta de gran interese paisaxístico, xeolóxico e biolóxico en terras do Courel, dentro do espazo protexido como LIC Os Ancares-O Courel.

'Atrancos para o galego nas aulas do Bierzo' é unha dupla páxina de Manuel González Prieto, un berciano que fala da marxinación e desleixo das adminsitracións a respeito da tamén lingua propia desta comarca. Outra cuestión quer podes ler neste número 169 do semanario é sobre o acoso escolar na reportaxe 'Cando a vida é un inferno'.

Na sección de 'Lugo é letras' entrevistamos Luz Pozo Garda, que recoñece que “sen poesía non podería vivir”. Poeta representativa da denominada literariamente Promoción de Enlace, incorporouse á escrita en galego en 1952 como unha das voces líricas femininas pioneiras do seu tempo e é unha das cinco mulleres membros do plenario da RAG. Na contra-capa falamos da Casa da Galiza na India.

Máis en Só en papel
Comentarios