#sermos166: a realidade do novo hospital de Vigo e os millóns galegos que financian a economía española

Entrevistamos Neira Vilas e Goretti Sanmartin, abordamos o dereito a unha morte digna, analizamos as eleccións do 20 de decembro... Todo isto e moito máis, no semanario que xa á venda na nosa loxa.

SG166

O semanario Sermos Galiza chega ao número 166 coa realidade do novo hospital de Vigo e os miles de millóns que saen de Galiza para financiar a economía española como temas na capa, así como a entrevista a Neira Vilas.

Os datos que trimestralmente publica o Banco de España sobre volume de crédito e depósitos estannos a amosar tanto a existencia do espolio do aforro galego como o incremento na intensidade deste proceso. Vexámolo comparando a situación galega coa do conxunto de territorios do Estado a partir dos últimos datos publicados. É o que facemos na reportaxe 'Os resultados da reestructuración bancaria: espolio do noso aforro e centralización'. Máis de 14.000 millóns de euros de Galiza para financiar a economía española.

'Unha desfeita sanitaria'. Caras de desesperación e un continuo ruxerruxe de críticas e denuncian conforman o día a día no novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa caótica apertura custoulle o cargo á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Tratamos este tema nunha reportaxe a dupla páxina.

“Fun un activista da cultura galega até hoxe”

Entrevistamos Xosé Neira Vilas. Conversamos con el de cultura galega, da súa vida, da historia deste país. Todo isto e máis nunha máis que interesante entrevista a dupla páxina. Non é a única entrevista que publicamos neste Sermos. Conversamos con Goretti Sanmartin, vice-presidenta da Deputación da Coruña. “Intentamos, desde dentro, ir cara a un camiño distinto”.

Perguntado sobre se o presidente da Xunta será candidato ao Congreso, Rajoy afirma que "o importante é escoitalo a el". Debullamos o escenario que pode devir desas palabras en 'Non descarten aínda a Feijóo para a Moncloa'.

'O estado da nación, entre a recuperación e a censura'. O presidente da Xunta presentará a sesión como un punto de inflexión na súa xestión de goberno mentres a oposición tentará afearlle o discurso.

O día D, 20 de decembro.

O anuncio do presidente do goberno de que os comicios do Estado serán finalmente o 20D activa un frenético calendario que arranca o 27 deste mes, coa publicación no BOE da disolución das Cortes. Como afrontan as diferentes forzas uns comicios determinantes e que está en xogo son algunhas das cuestións a abordar nunha reportaxe que vai neste número.

En 'Dèixame ir, o dereito a unha morte digna' debullamos as lexislacións que regulan a eutanasia, o suicidio asistido e o dereito a unha morte digna no mundo. De Quebec a Estados Unidos, pasando por Suíza ou Bélxica.

En Viaxes na Miña Terra imos até o Monte Aloia, na Serra do Galiñeiro, da man do colectivo Xea. E na sección de Internacional falamos de Portugal e o resultado das eleccións e do escenario que se está a vivir en Siria.

Manuel María

Na sección 'Lugo é letras' detémonos en Manuel María da man de Pilar García Negro. “Manuel María en Lugo e Lugo en Manuel María” é o título da reportaxe.

E máis cousas: artigos de Xavier Queipo e Luz Darriba, a semana en imaxes, a columna da AELG con Mario Caneiro, as críticas de cinema (Andrés Castro) e libros (Mario Regueira).... 

Máis en Só en papel
Comentarios