#sermos146: Todo pendente do 24M

Oito olladas sobre as claves das eleccións municipais, entrevista a Vero Boquete, o que se agocha no interior das prisións, lembranza de Mª do Carme Kruckenberg... todo isto e moito máis nun semanario que xa podes adquirir na nosa loxa.

unnamed

As eleccións municipais do 24M centran a atención deste número, o 146, unha cita que é o primeiro acto das xerais de novembro/decembro e testarán a fortaleza do bipartidismo, a consistencia das forzas emerxentes e a capacidade que ten Galiza de manter un espazo político propio. En ‘Oito olladas sobre as claves do 24M’ un painel de analistas debullan as cuestións máis importantes desta campaña. Antón Losada, Xosé Manuel Pereiro, Silvia Fraga, Carlos Neira, Aurelio Lópes, Antón Baamonde, María Xosé Porteiro e Pablo Acción ofrecen o seu punto de vista sobre estes comicios.

'A memoria viva do maior campo de concentración franquista en Galiza’ é unha reportaxe na que falamos de como a veciñanza do municipio pontevedrés de Oia homenaxeou este Día das Letras Galegas o labor de Eduardo Pérez, cuxas lembranzas ofrecen unha testemuña directa da vil represión franquista tras o golpe militar.

Os alcaldes fomentan a falta de coordinación entre as terminais galegas mentres aumentan as axudas en busca de réditos electorais en chave localista. A competencia permite ao aeroporto luso fixar a súa mellor marca, con case o duplo de viaxeiras e viaxeiros que Alvedro, Lavacolla e Peinador xuntos. Unha cuestión que tratamos en ‘Un conflito entre aeroportos que só beneficia Sá Carneiro’.

‘Un 17M para facermos país’: o Día das Letras Galegas volveu converterse nunha data reivindicativa perante o retroceso da lingua propia do país. Xentes de todas as idades marcharon nas sete cidades e Ribadeo para esixir a “normalidade” do galego como garantía de futuro, tanto da lingua como da Galiza.

Verónica Boquete

‘O que agochan os muros da prisión’ é unha reportaxe a dupla páxina. O que sucede no interior dos centros penitenciarios continúa a ser unha incógnita para a maior parte da poboación, froito da escasa atención mediática que suscitan as condicións de vida da poboación reclusa. Neste silencio ocúltanse as denuncias de malos tratos, torturas e represión; folgas de fame e mesmo a morte de presos en réxime de isolamento. Da man de Esculca, Cárcere=Tortura e unha ex-funcionaria de prisións da Lama afondamos na realidade que atinxe as persoas privadas de liberdade na Galiza.

Entrevistamos Verónica Boquete, campioa da Champions League feminina co Frankfürt. “Aínda estou un pouco nunha nube”, confesa, e recoñece que “precisamos dun cambio social, dun cambio de mentalidade. España segue a ser un país machista”.

Na páxina de Internacional achegámonos ao decorrer do proceso electoral en Catalunya e Euskal Herria. Os e as catalás votarán este 24 de maio para elixir os gobernos dos seus 950 concellos cun ollo posto na cita das cataláns de setembro. As urnas permitirán este domingo tomar de novo o pulso da situación do proceso soberanista. No que atinxe a Euskal Herria, PNV e EH Bildu mantéñense primeira e segunda forza, embora o novo escenario aponta a unha mingua do espazo nacionalista pola aparición da nova esquerda española.

Unha nova cita con Viaxes na Miña Terra neste número do Sermos Galiza, da man do colectivo Xea. “Unha camiñada para percorrer o val do río do Seixo, linde do espazo protexido LIC Serra do Cando, en Cerdedo”.

Inéditos de Kruckenberg

En ‘Adeus a Mª do Carme Kruckenberg, a escritora que celebrou a vida e a literatura’ lembramos a vida e obra desta autora. Publicamos, aliás, ‘Catro cantigas a Euskal Herria’, poemas que Kruckenberg escribiu en 1986 e foron traducidos por Koldo Izagirre, vendo a luz por primeira vez neste #sermos146.

Na contra-copa entrevistamos Mónica Ares, directora do programa da TVG ‘Oh Happy day!’. “Somos a alegría de San Marcos”. 

Máis en Só en papel
Comentarios