Yolanda Díaz di que os sindicatos "teñen razón" protestando contra a patronal: "As familias sofren con esta inflación"

A ministra de Traballo pide á CEOE "sensibilidade e altura de miras" para "desbloquear" as negociacións colectivas e reitera que o Goberno estatal subirá o salario mínimo.
A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nun acto recente. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, reiterou nesta segunda feira que os sindicatos teñen "toda a razón" para "saír á rúa a mobilizarse contra a patronal" por mor da "necesaria" suba de salarios, se ben aclarou que non "animou" as mobilizacións.

"A patronal española levantouse dunha mesa o pasado 5 de maio dicindo que non quería subir os salarios e até xullo subscribíronse só 450 convenios, cando o normal son 2.000. Está a bloquear a negociacion colectiva e isto é grave", afirmou en declaracións á Cadea SER.

A vicepresidenta pediu á CEOE e o seu presidente, Antonio Garamendi, "sensibilidade, altura de miras", compromiso co seu país e que negocie e "deixe de bloquear" a negociación colectiva. "A patronal sabe que as familias traballadoras están a sufrir e creo que neste momento non está á altura do seu país e, por tanto, os sindicatos teñen razóns para saír á rúa", asegurou.

A ministra asegurou que nun estado como o español, con salarios "máis que moderados", é "imposíbel" vivir cunha inflación superior a 10% e negou que esta posición implique a perda de neutralidade no diálogo social. "Eu subscribín 14 grandes acordos sociais e podería facelo de parte, mais non o fixen", argumentou.

"Sei que hai malestar social, a cidadanía ten dereito a mobilizarse e un demócrata debería dicir isto [...] É dunha enorme torpeza que alguén o cuestione, non hai que terlle medo a ningunha mobilización", engadiu.

Acordo para subir o SMI

En relación ao salario mínimo interprofesional (SMI), deixou claro que o Executivo vai subilo e que, cando se dispoña do dato de inflación de novembro, convocarase a mesa de diálogo social para abordar esta repunta. Polo de agora, a Comisión de Expertos para o SMI reunirase o próximo 2 de setembro para realizar novas aproximacións.

Preguntada por se será preciso incrementar o SMI en 10% para que non perda poder adquisitivo, a vicepresidenta sinalou que non é exactamente así como funcionaría, pois a inflación de novembro, segundo previsións de expertos, situarase entre 7% e 8% e logo habería que facer unha media anual.

Entón, explicou, tomarase unha decisión tendo en conta os criterios marcados no Estatuto dos Traballadores: inflación, participación dos salarios na renda estatal, produtividade e situación económica do país. "A proposta que se faga do SMI ten que estar englobada nestes catro parámetros", apuntou.

Díaz confesou que cre que non haberá acordo de todas as partes para a alza do SMI, pois xa a última suba non contou co beneplácito da patronal, só dos sindicatos. "Eu vou traballar polo acordo. Gustaríame unha patronal española que sexa próxima ao seu país e con sensibilidade cara a quen menos teñen", insistiu Díaz, que engadiu que "hai marxes empresariais para poder actuar", pois, segundo datos do Banco de España, as vendas das empresas subiron máis de 40%, e os beneficios, máis de 60%.

Comentarios