Yolanda Díaz promete subir o SMI e pide colaboración á patronal: "É máis necesario que nunca"

A ministra de Traballo traslada o seu "apoio explícito ás mobilizacións sindicais fronte á patronal" nun momento no que a situación económica "é de máxima incerteza" no Estado español.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Imaxe: Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nunha sesión no Congreso. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou na mañá desta quinta feira que subir o salario mínimo interprofesional (SMI) é agora máis necesario "que nunca" e exixiu ao presidente da Confederación de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi.

"Sen ningunha dúbida, imos subir o salario mínimo e ímolo facer máis que nunca, porque estamos nunha situación de absoluta excepcionalidade política", aseverou Díaz, ante preguntas de xornalistas do Congreso instantes antes de entrar no hemiciclo para asistir á sesión plenaria desta quinta.

Fontes do Ministerio de Traballo precisaron a Europa Press que coa expresión "máis que nunca" a ministra referiuse á necesidade de aprobar unha subida na conxuntura actual e non á magnitude da mesma, que será determinada polo Comité de Expertos.

Neste senso, a vicepresidenta segunda explicou que na reunión do próximo 2 de setembro o Goberno informará ao comité de expertos conformado para a suba do SMI de que, "máis aló" da senda marcada para alcanzar 60% do salario medio, hai que "ser consciente" da situación actual.

Así, lembrou que o propio Estatuto dos Traballadores estabelece que a revalorización periódica do SMI debe facerse atendendo os niveis de inflación, a participación dos salarios na renda estatal, a produtividade e a situación económica do Estado español que, dixo Díaz, "é de máxima incerteza".

Díaz insta Garamendi a non bloquear as negociacións sindicais

A continuación, a titular de Traballo e líder de Unidas Podemos no Goberno de coalición exixiu a Antonio Garamendi, máximo representante da patronal, "que se comprometa co seu país".

"Creo que o señor Garamendi sabe moi ben o que está a pasar no noso país, e bloquear a negociación dos convenios colectivos hoxe non é unha boa receita", reivindicou, atendendo a que, cos actuais niveis de inflación, os traballadores están a perder poder adquisitivo. Por iso, subliñou o seu "apoio explícito ás mobilizacións sindicais fronte á patronal española" para esixir a negociación da subida dos salarios.

Comentarios