Parlamento

A Xunta avanza a aprobación de 75 parques eólicos máis

A deputada do BNG, Noa Presas advertiu de que "non se están reinvestindo" os beneficios das empresas eólicas na Galiza e por iso é polo que a proposta do BNG é a creación dunha empresa de participación pública, unha sociedade mercantil, encabezada pola Xunta e aberta a entidades locais.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, confirmou esta cuarta feira que a Xunta autorizou 75 parques eólicos, 63% dos que completaron a tramitación.

Así, en resposta a unha interpelación formulada pola deputada do BNG, Noa Presas sobre a participación pública da Administración galega no ámbito eólico; Conde aproveitou para avanzar estes datos tras o fechamento do prazo en días pasados e concretou que se corresponden con 1.958 megawatts.

Ademais, tras avaliar en detalle os proxectos que obtiveron a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), denegouse a autorización dun parque e obrigouse en 24 casos a que os promotores reducisen a potencia con respecto ao proxecto inicial.

Tendo en cuenta que 43 parques obtiveron DIA negativa en xaneiro, dos 119 parques para os que se completou a tramitación, seguen adiante 63%.

Debate

Durante o debate, o vicepresidente primeiro botou en cara ao BNG que "fale do pasado, critique o presente e non expoña ningún tipo de proposta" para o futuro, á vez que o acusou "querer implantar un retroceso", "negando" industria renovábel e enerxía competitiva e verde.

En resposta, Noa Presas advertiu de que "non se están reinvestindo" os beneficios das empresas eólicas na Galiza e por iso é polo que a proposta do BNG é a creación dunha empresa de participación pública, unha sociedade mercantil, encabezada pola Xunta e aberta a entidades locais.

Fronte ás palabras de Conde, a deputada do Bloque lembroulle que é preciso falar do pasado porque del deriva o presente e pediulle que explique se "recoñece que foi un erro vetar a participación pública no sector eólico".

Este debate prodúcese tres días despois de que un dúas mil persoas rodeasen a sede da Xunta en Santiago de Compostela para reclamar a paralización da aprobación dos 77 proxectos eólicos que xa recibiran a declaración de impacto ambiental positiva.

O prazo límite para conseguir a autorización previa administrativa do Goberno galego era este pasado martes. Finalmente, segundo os datos de Conde, 75 parques conseguírono.

Comentarios