Pui acusa o Estado de suprimir trámites ás eólicas, algo que tamén fai a Xunta

Varias leis do Goberno galego "flexibilizan" os requisitos dos parques.
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Pui, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz parlamentar do PP, Pedro Pui, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A eólica segue a ser campo de discusión entre PP e PSdeG, non tanto en canto ao modelo eólico para a Galiza senón ás actuacións dos Gobernos galego e español á hora de aprobar ou non autorizacións. O portavoz do Partido Popular na Cámara galega, Pedro Pui, asegurou esta segunda feira que a Xunta da Galiza non suprimiu ningún trámite ambiental no proceso de autorización dos parques eólicos, "a diferenza do Executivo estatal".

"Chámanos a atención que haxa unha resistencia tan forte contra a simple e mera tramitación de parques", sostivo ao ser preguntado pola manifestación do pasado o domingo en Santiago para reclamar a paralización da aprobación dos 77 proxectos eólicos que xa recibiron a declaración de impacto ambiental positiva pola Xunta. Pui asegurou que onde "realmente" se suprimiron trámites é nos parques que directamente xestiona o Goberno español, aqueles de máis de 50 MW.

Normativa

Porén, ao longo destes anos colectivos ambientalistas e sociais acusaron a Administración galega de impulsar unha lexislación que procuraba "flexibilizar" trámites a proxectos eólicos e empresariais para poder instalarse na Galiza.

Unha desas leis foi a de fomento da implantación de iniciativas empresariais —alcumada polo ecoloxismo como 'Lei de depredación' e aprobada en 2017— e que naquela altura xerou fortes críticas pola "supresión de controis" e a "exención de trámites". Outra norma foi a Lei de simplificación administrativa da Galiza, aprobada en 2022, e en base á cal o Goberno galego aprobou en marzo reducir trámites a 13 proxectos eólicos, 11 deles de Greenalia.

Comentarios