O BNG fica só na defensa dun organismo público para o coñecemento e o I+D+i

Populares e socialistas non apoiaron crear o Innogal
ANA PONTÓN_BNG_PARLAMENTO GALEGO_25A_4

O BNG presentou onte no pleno do Parlamento galego unha proposición de lei para crear unha entidade para impulsar a ciencia e a innovación en Galiza, baixo o nome de Innogal, trasla-dando, "con criterios propios", un modelo "que xa funciona con éxito en Euskadi e Cataluña" a través do Ikerbasque e o Icrea. Como proba dos bos resultados de ambos os dous dende a súa creación, sinalou a portavoz nacional, Ana Pontón, o Ikerbasque mobilizou para Euskadi máis de 300 millóns de euros desde 2007, e o Icrea máis de 700 millóns de euros para Cataluña desde o exercicio 2001. 

A proposición decaeu ao ter o único apoio do BNG fronte á abstención do PSdeG e o voto en contra do PP. "Vetan no Parlamento galego o mesmo que apoian en Euskadi e Catalunya co Ikerbasque e o Icrea"reprochou Pontón ás dúas formacións estatais.

"Un chiringuito", interpretou, pola súa parte, a portavoz do PP no debate, Sandra Vázquez, quen dixo que aínda que o vasco e catalán son "modelos lexítimos", ao seu xuízo "non é o modelo adecuado" para a Galiza. A deputada do PSdeG Leticia Gallego, pola súa parte, asegurou que a súa formación quere "mellorar a carreira científica" e que as persoas investigadoras poidan levar a cabo a súa "carreira investigadora e non de obstáculos coa angustia de contratos encadeados", mais mostrou as súas discrepancias con esta iniciativa.

“Cando rexeitan o Innogal non están facendo unha pinza ao BNG, fan unha pinza á ciencia” denunciou Ana Pontón.

Comunidade científica

A líder da oposición recomendou a PP e PSdeG "falar cos científicos e científicas deste país" para coñecer a "unanimidade na necesidade de ter un organismo como o Innogal, que permita reter talento científico na Galiza e avanzar no investimento en I+D+i.

Neste punto afondou Pontón, indicando que esta proposición chega á Cámara despois de todo un traballo co persoal científico, en xuntanzas e reunións, poñendo en común a necesidade deste tipo de entidades para a Galiza.

"Á cola"

Nun contexto no que a Galiza está nos últimos postos en investimento, lembrou, con 1,1% do PIB en ciencia e investigación fronte a 1,43% do Estado español ou 2,3% de Europa, a portavoz nacional preguntouse “como o PP pode dicir que a Galiza é líder en termos de investimento, se en realidade onde estamos é á cola”.

Comentarios