Entrevista

Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria: "O actual modelo eólico da Xunta non beneficia Galiza"

Fernando Blanco (Lugo, 1959) foi conselleiro de Industria co BNG no Goberno galego de coalición co PSdeG e responsábel dun concurso eólico anulado por Alberto Núñez Feixoo tan pronto chegou á Xunta da Galiza, acusándoo de ir contra a "liberdade de empresa", o que posteriormente desmentiu a Xustiza.
Fernando Blanco. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fernando Blanco. (Foto: Nós Diario)

—O Goberno galego anunciou a creación dunha sociedade público-privada para as renovábeis, fórmula que atacara cando en 2009 o PP chegou á Xunta. Como valora esta mudanza?
Chegan 14 anos tarde. Un dos argumentos de Núñez Feixoo para anular o concurso eólico do Goberno bipartito era que atentaba contra a libre empresa. Tanto o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza como o Supremo sentenciaron que aquel concurso era totalmente legal. É importante lembrar que o BNG formulaba unha proposta de empresa pública, e non só o PP, o PSdeG tampouco era partidario diso. 

Perdemos a ocasión de ter presenza nun sector enerxético da importancia deste, non só para ter un peso específico en algo que é esencial para o conxunto da cidadanía, senón tamén porque é esencial como crecemento económico e industrial. 

Esa vinculación que nós estabelecíamos no concurso eólico o que pretendía era impulsar Galiza industrial e economicamente e por tanto mellorar a vida dos galegos e das galegas. Haberá que ver se a proposta deste Goberno vai ser unha realidade e non unha resposta a certa canseira na sociedade pola explotación enerxética do país.

—Como valora o desenvolvemento eólico destes anos?
Negativamente. A cuestión non é eólica si ou non, ao meu ver. A eólica é un sector importante e temos que ter unha autonomía enerxética. Pero a clave está en para que. Se eu vou pór nos nosos montes muíños eólicos quero saber para que obxectivo, e este non pode ser para que despois en Madrid ou noutros territorios gasten alí como queiran. Debe ser un sector para impulsar o país e se non serve para iso, pois estamos nunha situación colonial: veñen aquí explotar os nosos recursos e marchan. 

Esa é a clave: para que vai servir a produción desa enerxía? Durante estes anos estamos ante unhas grandes eléctricas que poñen muíños por todo o país que non reverten en efectos positivos para o conxunto da sociedade, non serven para desenvolver Galiza.

—Como entende que debería darse o desenvolvemento da eólica na Galiza, logo?
No concurso eólico do Goberno bipartito diciamos para que tiña que servir. Primeiro, beneficiarnos diso, como unha tarifa propia para a Galiza. Agora tamén a nivel de Estado hai territorios como Aragón partidarios de estudar iso para a súa comunidade.

A clave, repito, está en que todo ese desenvolvemento repercuta aquí, en tarifa propia, si, mais tamén en fixación de industrias e no desenvolvemento económico e industrial do país, iso é o que hai que impulsar. O que non podemos é aceptar polbo como animal de compañía, por respecto a nós e por respecto ao polbo. O desenvolvemento desa enerxía debe ter un efecto positivo para a cidadanía galega.

—Tivo inimigos o concurso eólico de 2009?
Moitísimos. Forzas políticas que xa mencionei antes non aceptaban a empresa pública para este sector, nin sequera unha participación pública, puxeron moitos paus. O PP e o PSOE non tiveron unha visión centrada na Galiza. 

—Tivo valedores?
Obviamente, non os suficientes, supoño, porque perdemos as eleccións. Era moi difícil. As empresas enerxéticas teñen un gran poder, non só económico, tamén político. É certo que había empresarios galegos que vían aquel concurso como unha boa opción, que lles ía permitir competir, mais a nivel político a única aposta firme foi a do BNG, a única. Esa defensa dos intereses da Galiza non tiña unha correspondencia por parte do PP, por exemplo.

"Houbo moitos intereses en contra"

Blanco apunta a que o concurso eólico do bipartito foi albo de moitos ataques. "Houbo moitos intereses en contra, tamén mediáticos, e a cidadanía moitas veces recibiu a información a través duns poderes mediáticos que eran moi belixerantes con esa proposta. Deturparon o que supuña aquela proposta, tamén a mensaxe do que intentabamos".

"Un sempre prensa que pode facer máis pero enfrontarse nun momento determinado, como foi o concurso eólico, a empresas económicas moi poderosas, como as enerxéticas; a intereses mediáticos e a forzas políticas tamén moi fortes; tiña un custo moi alto e acabámolo pagando", sinala. Blanco valora aqueles anos do Goberno do PSdeG e do BNG na Xunta: "Foi un momento no que cambiaron moitas cousas. Houbo un cambio substantivo nas políticas... Agora ben, cun maior peso do BNG teríamos avanzado máis, moito máis".

Comentarios