A cidade acolleu o pleno extraordinario da Academia dedicado ao Día das Letras Galegas

Vigo celebra o legado de Xela Arias: unha soidade solidaria

A voz gravada de Xela Arias, en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera abriu o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega celebrou en Vigo. Unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio. 

Imaxe do Pleno extraordinario da Academia para celebrar a figura de Xela Arias, a quen se dedica o Día das Letras deste ano. Foto: RAG
photo_camera Imaxe do Pleno extraordinario da Academia para celebrar a figura de Xela Arias, a quen se dedica o Día das Letras deste ano. (Foto: RAG)

O debuxo resultante foi a dunha muller que decidiu facer da súa liberdade unha transgresión construtiva; da súa independencia, unha poética de futuro; da súa rebeldía, un proxecto emancipador e solidario.

“Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», escribiu Xela Arias. E a poeta e académica Ana Romaní, prendeu na cita para lembrar que a de Arias era a voz da xustiza social. Romaní, que comezou a súa intervención cos versos que Xela Arias lle dedicou a Rosalía de Castro, evocou o suxeito feminino que non se somete á orde de Denuncia do equilibrio para declarar que “perder pé é unha forma de voo” e que a poesía “se debe a ese abismo”. 

A poética de Xela Arias é, para Romaní, un texto que “prende na carne”, unha experiencia que parte da vida para atopar un coñecemento que funde unha orde alternativa. Unha revolta –“escribir pode ser de por si un acto revolucionario”- que escribe desde ese lugar dos derrotados, desde a lingua que sufriu unha secular a marxinación e desde a que a poeta reclamaba: “faite indómita”. A súa era unha poética " insubmisa ao catálogo, mais absolutamente sabedora da terra que pisa e dos marcos que limitan os seus pasos".

Marilar Aleixandre tamén comezou a súa alocución lembrando o diálogo entre Xela Arias e Rosalía para reivindicar os poemas onde hai sangue e auga, “sangue menstrual e auga de fregar”, coma nos versos de mulleres que escriben sobre as penas das mulleres” e que quedan á marxe dunha literatura canónica de signo masculino. 

“Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo”, declaraba a académica, que lembraba o traballo de tradutora da poeta como un xeito de ensanchar as lindes, de converter o galego nunha lingua de cultura: “Fala que serve para ensinar ciencias naturais ou matemáticas, malia haber agora un decreto que nega as matemáticas en galego”, subliñou nunha sesión á que acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

As catro rebeldías de Xela Arias

Manuel Rivas pechou a quenda das intervencións cun discurso no que enxalzou a postura independente de Xela Arias nun tempo -que a poeta intuía- no que “unha das síndromes máis estendidas é o medo a ficar fóra”. Situarse fóra da moda, da novidade, do triunfo fácil é, para Rivas, o que provoca ese desequilibrio: “dicir o que non estaba previsto; non será iso a cerna da poesía?”, preguntábase. 

Rivas falou das catro rebeldías de Xela Arias chamando a atención sobre a coincidencia coa escritora catalá María Merçè Marçal en ser “por tres veces rebelde”, por ter nacido “muller, de clase baixa e de nación oprimida”. “Entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Mais cómpre falar dunha cuarta rebeldía: unha soidade solidaria. Unha soidade eficaz”, propuña o académico, que vía nese camiño propio de Arias “o mellor lugar para enfrontarse ao máis ruín dos poderes: o do nada”. Habitar o excéntrico é o que produce o desequilibrio e o que sitúa a Xela Arias “como un chanzo imprescindíbel nesa historia literaria alternativa que ela vía como unha escaleira de abrazos”.

Pechou o acto Victor Freixanes, que destacou a pertenza de Xela Arias a unha xeración que viviu a mocidade nun momento “especialmente activo e ilusionante”, o dos anos 80 e dos 90, no que “Vigo tivo un protagonismo moi especial”. Foron, segundo Freixanes, “décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriqueceron cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión”. 

O presidente da Academia quixo reflexionar ademais sobre a importancia da transmisión xeracional do idioma a través do exemplo da familia de Xela Arias -“cando as familias transmiten a lingua con dignidade, a lingua medra”- e tivo palabras de especial recoñecemento para os seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios