martes 22/06/21
Día das Letras Galegas 2021

Sermos Galiza repasa a vida e obra de Xela Arias nun especial dedicado á autora

As persoas subscritoras xa poden acceder no web de Nós Diario aos contidos do número especial que Sermos Galiza publica sobre a vida e a obra de Xela Arias. O monográfico 'Xela Arias: voz galega de seu’, de 48 páxinas a cor, nunha coidada edición, publícase este sábado, día 15 de maio, canda o Nós Diario.

Detalle da capa do especial. Ilustración: Álex Rozados
Detalle da capa do especial. Ilustración: Álex Rozados

As persoas subscritoras de Nos Diario xa poedn acceder ao especial que Sermos Galiza lle dedica á figura e á obra de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) co gallo do Día das Letras Galegas. Con este especial realizamos a nosa particular homenaxe coa colaboración de persoas estreitamente vinculadas á escritora ás que agradecemos a súa participación, ao igual que ao fotógrafo Xulio Gil, autor da meirande parte das imaxes publicadas neste monográfico en que debullamos unha poeta transgresora cuxa traxectoria non se entende sen a cidade de Vigo, sen o feminismo e sen a contracultura, e que neste 2021 por fin forma parte da escasa nómina de autoras homenaxeadas pola Real Academia Galega. Xela Arias aínda é a quinta muller dun total de 59 autores e autoras.

María Obelleiro, directora de Nós Diario, subliña que "celebramos, con este Sermos Galiza especial, unha escritora situada á vangarda que reivindicou o galego como lingua literaria e que tamén traballou nun dos ámbitos menos recoñecidos da literatura: a tradución. Unha tarefa que pon o idioma propio da Galiza en pé de igualdade con outras linguas e que contribúe á súa difusión. Cómpre citar nesta mesma liña o seu labor como editora, que nos leva a parabenizar as editoriais galegas polo esforzo inxente que tiveron que realizar, nun contexto complexo debido á situación de emerxencia sanitaria, para poder sacar do prelo as publicacións do Día das Letras 2021. Lembremos que non foi até entrado decembro de 2020 cando a Academia decidía homenaxear Xela Arias".

O monográfico Xela Arias: voz galega de seu, explora as diferentes facetas da escritora, desde o seu compromiso insubornábel coa lingua, coa liberdade e coas inquedanzas dunha xeración con arelas de cambios para a Galiza. É este o punto de partida dunha obra e dunha figura poliédrica que explica a historia máis recente da literatura galega cunha ollada propia.

A escritora Marta Dacosta debuxa o contexto da Xela Arias escritora. O Vigo das protestas do naval, das ombreiras posmodernas e do punk. O Vigo do que se deu en chamar “a movida”, mais que ocultaba moito máis nas súas rúas: creación, rebeldía, protesta. Xela Arias recollería todas esas suxestións para transformalas en poesía.

A continuación, o profesor e ex director de Xerais, Manuel Bragado, dá conta do labor de edición da homenaxeada, unha “editora pioneira” que participou no estabelecemento dun estándar para o galego culto e para a industria editorial. Bragado mostra unha autora mergullada na tradición galeguista desde nena e continuadora desa arela de construción dun espazo nacional no que desenvolver vida e obra.

Manuel Xestoso encárgase de discernir as chaves que uniron a obra e a vida da escritora e que deron como resultado un dos corpus poéticos máis arriscados da literatura galega de final do século XX. Nun mundo en que tradición e modernidade confluían, inmersa na atmosfera dunha Transición aínda chea de incógnitas, a obra de Xela Arias construirase entre a liberdade da década de 1980 e as decepcións políticas que seguirían.

María Xesús Nogueira, biógrafa e editora da obra completa de Xela Arias, analiza a dimensión crítica, social e política dunha autora marcada pola innovación temática e formal, escrita sempre desde as marxes dun incipiente sistema literario que comezaba a dar os seus primeiros pasos cara 
á normalización.

O crítico de arte Xosé M. Buxán Bran estuda Tigres coma cabalos, unha obra pioneira que evidencia a visión adiantada ao seu tempo da homenaxeada co Día das Letras 2021. Un traballo fiado pola poesía e polas fotografías de Xulio Gil que supuxo un punto de inflexión na produción editorial da época e que reflicte o afán experimental da autora. 

O crítico literario Mario Regueira salienta no seu artigo o valor estratéxico da Xela Arias tradutora, nun contexto en que a representación da lingua e da cultura adquirían un papel fundamental na Galiza: a construción dun espazo simbólico desde o que reivindicar os dereitos lingüísticos e culturais de todo un pobo.

A continuación, Darío Gil Arias, fillo da poeta e a quen lle dedicou o libro Darío a diario, achéganos, da man da xornalista Montse Dopico, á vertente máis íntima de Xela Arias, á súa vida cotiá e á súa loita contra as inxustizas sociais. 

A escritora Marga do Val ofrece as chaves da recepción da obra da homenaxeada, quen se situou, de maneira voluntaria, á marxe do canon para expresar o que daquela non se citaba e que anos despois se desvelaría como un discurso imprescindíbel. As dificultades na recepción da súa obra serían o preludio a un recoñecemento tardío que, dalgún xeito, vindicaba  a todas as literatas que seguirían o seu camiño. 

Fecha o monográfico o poeta Xosé María Cáccamo, quen fai un repaso por algúns dos encontros persoais con Xela Arias ligados ao Festival de Poesía do Condado, mais tamén a mobilizacións de carácter social: Nunca Máis, a Burla Negra, a loita contra a guerra do Iraq son algúns dos fitos que amosan o compromiso da poeta co seu tempo e co seu país.

O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 15 de maio. As 48 páxinas ao prezo de sempre do semanario. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

comentarios