Un galego pleno de dereitos, a reivindicación dun desexo e dunha necesidade que retumbou este 17-M

Centos de persoas convocadas por Queremos Galego encheron a Praza do Obradoiro, en Compostela, mantendo as medidas de seguridade e distancia pola Covid, para reclamaren o dereito a ”vivir en galego”.

QGBernal
photo_camera Acto de Queremos Galego na Praza do Obradoiro (Foto: Bernal Rúa)

A monumental Praza do Obradoiro de Compostela como un pequeño mapa humano da Galiza: xentes procedentes de Vigo, de Ribadeo, de Verín, de Aguiño, de Ponferrada, Pontevedra, Chantada, Valdeorras, Cedeira… e todas unidas polo mesmo motivo: a defensa dunha Galiza onde se poida “vivir en galego” con toda normalidade.

Queremos Galego convocou, máis un 17-M, a saír á rúa polo idioma galego e a sociedade galega volveu responder, con centos de persoas tomando parte en Compostela no acto convocado por esta plataforma, que integran máis de 500 entidades sociais e culturais do todo o país.

A pandemia obrigou a un acto diferente ao da tradicional manifestación, cunha concentración no Obradoiro mantendo as distancias de seguridade. Perto de 2.500 persoas tomaron parte no mesmo, previo rexistro. “Queremos Galego” ou “Eu amo o galego” eran as bandeiras que portaban moita das asistentes. Este evento de Queremos Galego, de marcado carácter festivo e reivindicativo, estivo conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros cargos de ambas as formacións políticas.

Tamén había cartaces reivindicativos de todo tipo. Desde quen denunciaba que “prohíbenme dar a Física en galego mais si que a podo dar en inglés” até a que recollía un dato que dá calafrío: “35% dos mozos castelán falantes non sabe o galego”. A política lingüística da Xunta foi uh dos albos das críticas e denuncias nas intervencións e tamén por parte das persoas asistentes. 

Reivindicación e Festa

Como xa é marca da casa nas mobilizacións polo galego, a festa e a reivindicación foron da man. Música tradicional de gaiteiros e a de Xiao Berlai, a condución sempre animada e animosa de Isabel Risco combinábanse con lemas e reivindicacións.

“O dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”, sinalaba Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego na súa intervención. Antes, procedeuse á lectura a un manifestó por parte de Anxos Sobriño, funcionaria e presidenta da Coordinadora de Trababalladoras pola Normalización da Lingua; Eduardo Armas, estudante de Secundaria ("que a lingua galega sexa un espazo de uso, non de ocultación"); Marta Romero, traballadora do aeroporto de Santiago e Antón Rubal Pernas, actor de dobraxe.

Reivindicábase poder vivir en galego en todos os ámbitos da vida, para o que, sinalaban, hai que superar lexislacións e normas que limitan este dereito. “Sería enorme o efecto inmediato na posibilidade de uso do galego, só con que todas as administracións reclamasen pólizas de seguros, información e xestións bancarias, sinaléctica... en galego”, indicou o portavoz de Queremos Galego.  “Canto máis audíbel e visíbel sería o noso idioma só con que fose realmente lingua de calquera administración tanto no uso dos seus representantes e traballadores en exercicio das súas funcións como de calquera acción desenvolvida incluíndo os servizos privatizados?”

“É a sociedade quen está a atenuar os efectos da desigualdade para vivir en galego”

Maceiras tamén sinalou responsabilidades: “Somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional que acompañe. É a sociedade quen está a atenuar, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego". Puxo como exemplo a recente da aprobación unánime da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego

“O dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”, sinalaba Marcos Maceira

“Nas plataformas audiovisuais o catálogo global é de 25.872 títulos en español e outras linguas. Só 25 en galego. Só o 0,4 dos xogos e xoguetes distribuídos no mercado en Galiza teñen algo en galego”, indicou, citando un espazo importante para a presenza do idioma e que está ‘a ermo’.

O canto do Himno galego puxo o ramo á concentración.

Pontón e Caballero, presentes no acto

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta que acabe coas súas "políticas lingüicidas" para así poder "abrir unha nova etapa" na que se "desconfine" o idioma galego. "Estamos aquí miles de persoas para reivindicar o orgullo de ter unha lingua propia, sendo conscientes de que o futuro do galego é tamén o futuro dunha Galiza máis forte", asegurou.

Por iso, Ana Pontón chamou a "seguir traballando para que o galego gañe espazos" e "normalidade", porque iso "é sinónimo de vitalidade para o país".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou á Xunta que articule políticas de "discriminación positiva" non só para a lingua galega perante a perda de falantes, senón tamén para o sector cultural tras o golpe da crise da Covid.

"O galego é un valor común, é a nosa cultura, é a nosa forma de entender o país e queremos, neste Día dás Letras  Galejas, festexar e reivindicar máis galego", engadiu.

Comentarios