sábado 19/06/21

A RAG celebra a vida de Xela Arias e reivindica a activación do uso do idioma

A voz de Xela Arias recitando versos do seu derradeiro poemario, Intempériome, en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera, marcou o comezo do acto central do Día das Letras Galegas, unha conmemoración na que Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora á que a RAG dedica este 17 de maio
academia galega xela arias
(Foto: Academia Galega)

A Real Academia Galega (RAG) celebrou esta segunda feira unha sesión plenaria extraordinaria con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias, no que se puxo en valor a pertenza da poeta a unha xeración "enerxética e ilusionante", así como "a significación" da familia na súa vida.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifestou que, no marco das actividades que están a realizar este ano polas Letras Galegas, escolleron Vigo para celebrar o acto grande porque esta cidade "foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a maior parte da súa vida".

Acto seguido, reivindicou que a xornada deste 17 de maio "é moito máis que unha xornada festiva", é unha ocasión para reivindicar a activación do uso da lingua galega "non só na vida litúrxica, senón na vida", ante o que remarcou que ten especial relevancia o traballo que se realice "coas novas xeracións".

O evento arrincou cunha actuación musical de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carreira, a partir dun dos textos da homenaxeada. Após iso, a secretaria da RAG, Margarita Ledo, leu o acordo do plenario no que se determinou que o Día das Letras Galegas de 2021 dedicaríase a Xela Arias Castaño.

"Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galiza pertence, aínda, aos derrotados", deixou dito a autora. Lembrouno Ana Romaní, quen advertiu que o seu é o idioma da xustiza social. "Sometido ao espolio, regulado para se ensumir, decretado para a insignificancia, ese idioma é o animal ferido no que reclama faite indómita nun dos poemas das mobilizacións de Nunca Máis", engadiu. 

"Nos poemas, nas poéticas, conviven a mágoa por un idioma oprimido e condicionado por outro, coa ledicia de quen escribe nunha lingua que viviu salvaxe durante tantos anos, brincando matos, montes e pradairas. Lingua ventureira, lingua brava para a que Xela ten o propósito de a converter en lingua de cultura", afondou Marilar Aleixandre.

"Fala que serve para ensinar ciencias naturais ou matemáticas, malia haber agora un decreto que nega as matemáticas en galego. Idioma que serve para, a través del, falaren Joyce, Cervantes, Angela Carter, Bram Stoker, Jean Rhys", recordou. "Creo que traduzo o seu pensamento ao dicir que o galego estará plenamente asentado cando consigamos que se lea en galego a literatura escrita en inglés ou francés. Xela sabe que nin traducir é unha forma menor da escrita, nin a tradutora é traidora, senón actriz da palabra", concluíu.

Manuel Rivas, pola súa banda, lembrou que "está nas nosas mans frear os procesos de desfeita ecolóxica e lingüística, que nos sitúan ante un verdadeiro estado de emerxencia, no que o dilema é: comunidade ou caos, biodiversidade ou bioperversidade, extinción ou desextinción, perda ou rescate".

comentarios