sábado 19/06/21

"Xeliña fala galego": as raíces do compromiso de Xela Arias

O galeguismo e o nacionalismo moldearon o pensamento da poeta homenaxeada nestas Letras Galegas.
Xela Arias, na Granxa Escola de Barreiros, en xullo de 1963. (Foto: RAG / Arquivo familiar)
Xela Arias, na Granxa Escola de Barreiros, en xullo de 1963. (Foto: RAG / Arquivo familiar)

Grazas aos contactos cos núcleos galeguistas dos seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño, Xela Arias medrou inmersa nun ambiente no que o galego era unha lingua de cultura e de oposición á ditadura. Amais de ser a lingua materna, o galego constituíase nun humus no que medraban manifestacións literarias, artísticas e políticas e, talvez por iso, a poeta foi especialmente precoz no cultivo da literatura e no insubornábel compromiso lingüístico. 

Unha das cousas que está desvelando o Día das Letras Galegas deste ano é o gran peso da infancia e a mocidade de Xela Arias no desenvolvemento posterior da súa obra e a significación que o contacto co galeguismo e o nacionalismo tivo na súa personalidade. 

En 1968, o pai, Valentín Arias, escribía un texto para o libro das festas de San Xóan de Sarria titulado "Xeliña fala galego" no que deixa orgullosa constancia das vantaxes de educar en galego. 

Xa aos once anos, a pequena Xela gañaba o VI Concurso de Contos Infantís, promovido pola Asociación Cultural O Facho, co conto "A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia", publicado polo Boletín da Asociación Cultural de Vigo en 1973. 

Mais xa antes, aos nove, Arias escribira Non te amola!, unha novela -agora duplamente rescatada, por Galaxia e por unha edición facsimilar do Consello da Cultura Galega- que, vista cos ollos actuais, constitúe unha conmovedora crónica do nacemento dunha sensibilidade e dunha particular mirada que tería unha enorme importancia no posterior desenvolvemento da autora.

O mestre e editor Manuel Bragado, que vén de reunir nunha 'chiografía' todos os chíos que foi publicando na súa conta de Twitter sobre a vida e obra de Xela Arias, destaca algunhas experiencias como as excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo ou, na adolescencia, o traslado dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo desde Ourense até o local da Fundación Penzol en Vigo. 

"Na nosa xeración era moi raro que alguén fose educado como o foi ela", explica Bragado. "Xela educouse cun pai e unha nai galegófonos e, ao tempo, na casa dun mestre. Pasa da Granxa de Barreiros, en Sarria, ao colexio Fingoi de Lugo, que son dous centros moi singulares, moi abertos ao galego e cunha actitude pedagóxica moi moderna, o cal era moi raro naquela altura".

Do galeguismo ao nacionalismo

"Xa en Vigo, Xela Arias está moi influenciada polo contacto coa Asociación Cultural de Vigo", continúa Bragado, "que presidiron Camilo Nogueira ou Afonso Álvarez Cáccamo e na que ocupaba un lugar moi destacado Méndez Ferrín. Esas figuras xa son declaradamente nacionalistas. De feito, Ferrín escribe un artigo saudando a publicación de Denuncia do equilibrio no que fala das actividades da asociación como dun labor de construción da nación".

Mais si houbo unha figura do galeguismo histórico que seguiu sendo fundamental para Xela Arias: Francisco Fernández del Riego. "Xela é a única muller que participa na homenaxe a Del Riego en 2002", recorda Bragado, "e nela le un poema que lle dedica e no que lembra que, desde nena, don Paco foi sempre a figura venerábel que admiraba. Mais o certo é que Del Riego era unha figura algo á parte dentro do galeguismo. Era un home moi de esquerdas". 

Barreiros, o vínculo entre Carvalho Calero e Xela Arias

A Granxa de Barreiros -onde Xela Arias pasou a súa primeira infancia- é un proxecto pedagóxico creado en 1948 por Antonio Fernández López -fundador tamén do Colexio Fingoi de Lugo, intimamente vencellado ao anterior homenaxeado no Día das letras, Ricardo Carvalho Calero- que pretendía integrar a cultura galega e os ciclos da natureza no ensino. O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo. 
 

comentarios