luns 08/03/21

A RAG conmemora o Día da Lingua Materna reivindicando o uso do galego cun relato sobre Xela Arias

 O relato, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968, conta a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias (1962-2003), a quen a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
XELIÑA

A Real Academia Galega súmase este ano á conmemoración do Día da Lingua Materna compartindo dende academia.gal "Xeliña fala galego". O relato, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968, conta a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias (1962-2003), a quen a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O texto difúndese xunto a un artigo no que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tamén reivindica a transmisión xeracional do idioma como "unha riqueza que debemos celebrar" e lembra que o galego é ademais unha porta ao multilingüismo, un concepto no que a organización internacional pon o acento nesta edición do Día da Lingua Materna e no que tamén afonda a historia de Valentín Arias.

"A proposta da UNESCO ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias ‘Xeliña fala galego' é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos", expón o presidente da Academia no artigo titulado "Lingua da memoria".

Valentín Arias escribiu Xeliña fala galego no ano 1968. A protagonista do relato, publicado nun especial das festas de San Xoán de Sarria, é Xeliña, unha pequena de sete anos cuxa lingua materna é o galego, por decisión dos proxenitores malia os prexuízos sociais, e que aprendeu xa o castelán. 

Víctor F. Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, "a lingua primeira da memoria", e salienta a importancia de garantir a transmisión xeracional do galego, "unha riqueza que debemos potenciar, celebrar, asegurar e potenciar, pois non é incompatible con outras experiencias. 

Pero o presidente da Real Academia Galega tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para subliñar o valor das persoas que malia non se criaren en galego dan o paso para se instalar na lingua galega. "Na recuperación e uso social do galego son moi importantes os neofalantes", conclúe.

comentarios