Xustiza

Baltar volve plantar a xuíza, que estuda posíbeis sancións

O xuízo rápido contra o presidente da Deputación de Ourense por un delito contra a seguridade viaria volve suspenderse por segunda vez nunha semana.
José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar, no pleno da Deputación de Ourense do pasado 28 de abril. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Pobra de Seabra (Zamora) resérvase a posibilidade de impor as sancións que correspondan tras a nova suspensión, a segunda xa esta semana, do xuízo rápido contra o presidente da Deputación de Ourense e do Partido Popular na provincia, Manuel Baltar, por un delito contra a seguridade viaria tras ser 'cazado' ao volante dun coche oficial a 215 quilómetros por hora.

O xuízo por estes feitos xa se suspendera a pasada terza feira pola incomparecencia do avogado do político, que o día anterior pretendeu que a xuíza o suspendese, sen éxito, alegando que tiña unha citación previa. Esta quinta ocorreu outro tanto do mesmo após recibir agora o Xulgado un escrito do procurador do presidente da Deputación no que volvía reclamar a suspensión da vista sinalada e manifestaba a súa vontade de non comparecer nesta xornada.

Baltar foi multado con 600 euros —300 por pronto pago— e fóronlle retirados seis puntos do carné de conducir, aínda que á vía administrativa súmase agora a penal ao exceder, presuntamente, en 84 quilómetros o límite da vía, tal e como estabelece o atestado da Garda Civil, que aplica unha marxe de erro de 5% neste caso ao ser 'cazado' Baltar no coche oficial por un radar fixo.

O artigo 379 do Código Penal sinala que o delito contra a seguridade viaria está castigado con pena de prisión de tres a seis meses ou coa multa de seis a doce meses, ou ben con traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días, e, en calquera caso, coa privación do dereito de conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a 1 ano e até 4 anos.

Días despois do ocorrido, Manuel Baltar, á fronte da Deputación ourensá desde 2012, pediu desculpas e atribuíuno "un descoido acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo" e asegurou ser a primeira persona en lamentar as consecuencias dunha situación "dolorosa" para el, "derivada dun erro illado pero que non é, desde logo, axeitada".

Até o momento o seu propio partido, a través da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, evitou avanzar se lle serán esixidas responsabilidades políticas en caso de resultar condenado por un delito contra a seguridade viaria debido ao seu exceso de velocidade, e todo iso tras avogar por non adiantarse a "ningunha decisión xudicial" e para evitar facer "xuízos paralelos".

No lado oposto situáronse, entre outros, distintos dirixentes políticos ourensáns, como o portavoz socialista na Deputación, Ignacio Gómez, quen unha vez recoñecido que a vía política pola multa ao presidente provincial está "esgotada", unha vez que os seus "xefes" o avalan e non o instan a dimitir, advertiu de que o PSdeG "non vai parar aquí" e avanzou que o "tentará" na vía xudicial polo uso do parque móbil da institución provincial para fins particulares.

Na mesma liña manifestouse o portavoz do BNG, Bernardo Varela, quen lamentou que "hai un uso espurio" dun vehículo público por parte do presidente no que cualificou como "un síntoma de como se manexa esta provincia cun presidente que entende que o Pazo Provincial é o seu cortexo privado".

Até a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, fíxose eco do ocorrido durante unha visita a Ourense para apoiar o candidato da formación morada, Toño Naval, que lidera a lista de confluencia na cidade para a cita electoral do 28 de maio, ao apuntar que "hai centos de razóns para sacar a Baltar das institucións".

Comentarios