Rueda: “Baltar xa explicou o que tiña que explicar”

O presidente da Xunta da Galiza insistiu en que o dirixente ourensán pediu "perdón" e "desculpas".

Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP galego, Alfonso Rueda, entende que o presidente da Deputación de Ourense e dos populares na provincia, Manuel Baltar, xa explicou "o que tiña que explicar" despois de ser detectado ao volante dun coche oficial a 215 km/h na A-52, ao seu paso polo municipio zamorano de Asturianos.

Así o trasladou, a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, despois do pleno centrado neste asunto que tivo lugar na Deputación de Ourense e no que Baltar optou por gardar silencio.

"A semana pasada xa deu explicacións e vai haber unha comparecencia en xuízo. Entendo que o que tiña que explicar xa o fixo", aseverou o presidente galego, quen tamén incidiu en que o dirixente ourensán pediu "perdón" e "desculpas".

A partir de aí, deu por feito que os partidos da oposición tentarán sacar "todo o rédito electoral que poidan". De feito, sinalou que terá que contestar na próxima sesión de control do Parlamento galego, a semana que vén e ás portas da campaña do 28M. "A formulación é xenérica, pero xa imaxino por onde vai", dixo.

Actitude “non acertada”

Por outra banda, volveu a evitar aludir a posíbeis medidas disciplinarias ou consecuencias políticas por unha actitude que, admitiu, "non foi acertada". "Créoo eu, desde logo, e tamén Baltar, que pediu desculpas públicas", recalcou, para engadir que, como calquera cidadán, terá que enfrontar as consecuencias que deriven do procedemento xudicial.

Ante a insistencia dos medios sobre se haberá consecuencias políticas para Baltar no caso de que sexa condenado por un delito contra a seguridade viaria, replicou que a comparecencia xudicial "aínda non se produciu" e rexeitou "prexulgar o que vai pasar".

Comentarios