Parlamento

A oposición bota man de Baltar e Xácome para acurralar o presidente Rueda por "silencio cómplice"

"Permitir que o tándem Xácome-Baltar arrastre polo lodo a imaxe de Ourense e da Galiza non é democrático, é unha vergoña", dixo Ana Pontón, mentres desde as filas socialistas Luís Álvarez lamentou o "esperpento" e a "dexeneración democrática" que ve en Ourense.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta cuarta feira, no último pleno do Parlamento antes das eleccións. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta cuarta feira, no último pleno do Parlamento antes das eleccións. (Foto: Europa Press)

O ambiente preelectoral e o contexto marcado polas polémicas que protagonizan o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, marcaron a última sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no último pleno do Parlamento da Galiza antes da cita municipal coas urnas do próximo 28 de maio.

Nas súas respectivas quendas de intervención, tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, tentaron acurralar Rueda, erixíndoo en "cómplice" do "esperpento" e da "dexeneración democrática" que aseguraron que padece actualmente Ourense, para reivindicarse como alternativa de goberno.

Rueda optou polo ataque para tentar defenderse e criticou o "electoralismo" do PSdeG, mentres que ao Bloque afeoulle, entre outras cuestións, a súa postura sobre a guerra de Ucraína. Tamén rexeitou unha "rexeneración democrática" que pase, como atribuíu aos nacionalistas, por facer "xuízos paralelos" e "sentenciar" á marxe do que ditamina a xustiza.

No seu debate con Álvarez non mencionou Baltar nin unha soa vez, o que recrudeceu as críticas da oposición ao seu "silencio" e "falta de autoridade" no partido, que evitou polo de agora avanzar medidas disciplinarias contra o dirixente ourensán. Só con Pontón, tras sacar a colación o desmarque do BNG que impediu que saíse adiante unha declaración institucional do Parlamento contra a invasión de Ucraína, Rueda defendeu que el xa dixo que "o de Baltar era unha conduta inadecuada". En fronte, suxeriu que a propia Pontón nunca sería "capaz" de dar un paso similar para "non molestar aos que de verdade mandan no BNG, os xenerais da UPG".

Pola súa parte, os dirixentes da oposición non escatimaron en críticas a un modelo de política local, o do PP, que Álvarez definiu como "todo polo poder sen importar nada". Como "paradigma" situou o pacto político de Ourense que permitiu a Baltar seguir á fronte da Deputación a cambio de facer a Pérez Xácome rexedor de Ourense. Rueda respondeu responsabilizando o PSOE por "non aceptar" un pacto para que goberne o máis votado e "frustrar", na última etapa, unha moción de censura contra Xácome.

Tamén Pontón afeou ao presidente ese pacto de 2019 para garantir "a poltrona de Baltar" e o seu "silencio" de agora, logo de que o presidente do PP provincial de Ourense fose "cachado" ao volante dun coche oficial un domingo, "sen que se saiba onde ía", a 215 quilómetros por hora. "Permitir que o tándem Xácome-Baltar arrastre polo lodo a imaxe de Ourense e da Galiza non é democrático, é unha vergoña", advertiu.

No outro lado, Rueda rexeitou a concepción da rexeneración democrática de Pontón que, advertiu, "consiste só no que lle parece ben ao BNG e en sentenciar sen ser xuíz". El, dixo, rexeita esta actitude e os "xuízos paralelos" porque ve "un perigo mesturar a política coa xustiza". Iso si, asegurou que o PP "sempre" acata o que di a Xustiza, que lle importa "moito máis" que o que digan "os sentenciadores" nacionalistas.

Comentarios