Ourense

José Manuel Baltar, 'cazado' a 215 quilómetros por hora

O presidente da Deputación de Ourense foi multado con 600 euros e a retirada de seis puntos do carné.
Xosé Manuel Baltar cun cartaz recuperado da revista ‘Nós’, deseñado por Cándido Fernández Mazas. (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Xosé Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. (Foto: Xan Carballa)

A Garda Civil vén de sancionar o presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, José Manuel Baltar, por circular a unha velocidade de 215 quilómetros por hora o pasado domingo na autovía A-52, á altura do municipio zamorano de Asturianos, en dirección a Madrid.

A sanción, que xa foi recorrida pola vía administrativa, ascendeu a unha multa de 600 euros e a retirada de seis puntos do carné de conducir, segundo confirmaron fontes da Deputación de Ourense á axencia Europa Press.

Os axentes da Garda Civil deron o alto a un coche pertencente á Deputación e que conducía o propio Baltar na A-52, ao seu paso polo termo municipal de Asturianos, o pasado domingo contra as 18 horas.

O dirixente 'popular' dirixíase a Madrid, onde tiña previstas diferentes reunións de traballo ao día seguinte. Fontes da Deputación sinalan que se lle abriu unha sanción administrativa, xa recorrida.

José Manuel Baltar foi reelixido presidente do PP de Ourense o 26 de setembro de 2021 con 99,24% dos votos emitidos no 18º Congreso Provincial. Desde febreiro de 2012 é o presidente da Deputación de Ourense, sucedendo así o seu pai, José Luis Baltar Pumar, quen deixou este cargo tras 22 anos.

Comentarios