Sumar Galicia dá por sentada a participación de EU e "pasa páxina" sobre unha coalición e as diferenzas con Podemos

Paulo Carlos López non aclarou se na lista de 50 persoas promotoras de Sumar está a candidata ou candidato: "Pode ser posíbel, ou non".
Rolda de prensa do portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, hoxe. (Foto: Europa Press)

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, deu esta quinta feira por sentada a participación de Esquerda Unida no proxecto impulsado pola formación de Yolanda Díaz para as eleccións galegas, debido a que, argumentou, forman parte da coalición estatal e xa están a traballar cos seus representantes a nivel de Estado. "Entendemos que está representada e que nos acompaña e colabora dentro de Sumar Galicia", defendeu, a preguntas dos xornalistas.

Na mesma rolda de prensa na que presentou a promotora, López tamén dixo que é hora de "pasar páxina" sobre unha eventual coalición e as diferenzas con Podemos Galicia, que se revelaron como insalvábeis no país de orixe da vicepresidenta segunda do Goberno español. Nunha entrevista con Nós Diario, a coordinadora nacional de EU, Eva Solla, volveu mostrar esta semana a súa preferencia por unha coalición a tres bandas, pero recoñeceu que se o escenario que se abría era outro pola ruptura entre Sumar e Podemos, habería que tomar novas decisións previo debate dos seus órganos de decisión.

Paulo Carlos López defendeu que Sumar Galicia está aquí "preparados para gobernar Galiza, para dar novas ideas, e só se Sumar está presente", engadiu, hai garantía dunhas "políticas verdes" e "feministas". Sobre se entre os nomes da promotora está o futuro candidato ou candidata da formación, Paulo Carlos López non o aclarou. "Pode ser posíbel", dixo, ou "non", e lembrou que están aberto o proceso de escoita que, de feito, segue esta sexta feira en Ferrol e na Coruña o sábado, coa presenza de Yolanda Díaz.

Neste sentido, lembrou que "só hai rumores", pero as eleccións non están convocadas. Dito isto, afirmou que a formación política "está preparada ante calquera eventualidade", incluídos os comicios galegos. Ao ser preguntado por outras posibles alianzas ou contactos, Paulo Carlos López insistiu en que "non están no punto de falar disto, senón dos problemas da cidadanía".

Declaración da comisión

Sumar Galicia tamén presentou a súa declaración, na que se define como "un espazo amplo que acolle persoas e organizacións que comparten os valores do progresismo, recoñecemento nacional da Galiza nun Estado plurinacional e a promoción dos dereitos humanos nos ámbitos sociais, político, culturais e institucionais". No documento tamén analizan os 15 anos de gobernos de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, que "deixan unha Galiza máis pequena no seu autogoberno, e non só por non alcanzar nin unha soa competencia, senón pola súa nula vontade política de exercer o autogoberno".

Sumar Galicia defende ademais un proxecto para a próxima década co obxectivo de "gobernar" e di que conta con "todos os ingredientes necesarios para o seu éxito: a necesidade de que Galiza conte cun novo contrato territorial, a oportunidade de tecer un espazo político amplo e novo, a intelixencia para facelo sumando e construíndo unha alternativa programática, a certeza da posibilidade do cambio político no país e a convicción de que a cidadanía merece un goberno á altura das súas necesidades.

En canto ás eleccións, apunta na súa declaración que aposta por concorrer coa "firme convicción de que a súa presenza alarga o espazo progresista" e compromete un programa electoral participativo, que prime un estado de benestar avanzado, que teña o "feminismo no centro", coa mirada no "emprego e a dignidade laboral", a vivenda "como un dereito", e un rural galego vivo.

Os 15 puntos complétanse con autogoberno na defensa da plurinacionalidad; lingua; cultura e patrimonio; industria; enerxía, eficiencia no consumo de recursos e redución das emisións de CO2; tripla transición; unha Galiza diversa; ciencia e tecnoloxía, innovación e universidades; ordenación do territorio e infraestruturas, e mocidade.

Comentarios